Tres alumnos da Laxe gañan a olimpíada de patrimonio das Illas Atlánticas
Por Redacción
O equipo do CEIP da Laxe foi o gañador da segunda edición das olimpíadas de patrimonio das Illas Atlánticas, celebradas este domingo na illa de San Simón.
O grupo participante estaba formado por Mireia, Bruno e Diego, alumnos de sexto de Primaria, que se esforzaron ao máximo para coñecer a fauna e a flora típica das illas do parque, descubrindo curiosidades e historias chamativas de cada illa.
Acompañados pola súa titora, María Taboada, afrontaron este reto con éxito.
O concurso consistía en preguntas, imaxes e vídeos tipo test (a,b,c). As diferentes fases do concurso ían enfrontando aos participantes ata chegar á final, onde soamente podía gañar un equipo.
O equipo ganador, o do CEIP da Laxe, poderá viaxar cos seus achegados a unha das illas do parque e descubrila cunha visita de explorador, e un lote de libros sobre o parque.