A Policía Local do Grove denuncia ao concelleiro Fredi Bea por calumnias
Por Oskar Viéitez
Fartos das reiteradas queixas do edil de Seguridade Cidadá nos medios de comunicación a Policía Local de O Grove presentou unha denuncia ante os xulgados na que acusan ao concelleiro Fredi Bea de calumnias.
Trece dos catorce axentes do persoal municipal asinaron a denuncia na que din que "nos consideramos inxuriados, calumniados e coaccionados no que debe de ser o normal desempeño das nosas funcións".
A denuncia, presentada o pasado 24 de setembro, acaba de ser admitida a trámite polo xulgado de Cambados.
O concelleiro Fredi Bea declarou en reiteradas ocasións ante os medios que os axentes estaban levando cabo unha folga encuberta, insinuando que perdoaban sancións a quen eran os seus amigos.
Meses atrás foi o propio edil quen presentou unha denuncia en contra do persoal policial por facer público un escrito no que lles advertía sobre as poucas multas que poñían e as consecuencias que podería ter esa circunstancia sobre o pago das horas extras e os gastos en material. Naquela ocasión a titular do xulgado número 1 de Cambados arquivou a denuncia.