Piden ao Estado construír dúas rotondas no paso da N-550 por Barro
Por Redacción
Mellorar a seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Barro. É o que pide o BNG ao Goberno central nas emendas aos orzamentos xerais do Estado que van a presentar os nacionalistas.
En concreto, solicitan unha partida de 1,5 millóns de euros para eliminar dous puntos negros nesta estrada coa construción de dúas rotondas.
O BNG solicita que se constrúa no ano 2022 unha rotonda no cruzamento da N-550 coa estrada EP-0506, que une A Portela con Curro.
Aseguran que a "escasa visibilidade" dese punto ten como consecuencia que sexa un cruzamento "moi perigoso" e que cómpre solucionar de xeito urxente.
O outro punto no que o BNG solicita a construción dunha rotonda é en Porráns, no cruzamento da N-550 coa estrada PO-226 cara Moraña e Cuntis.
Este, segundo os nacionalistas, é outro "punto conflitivo" no que conflúen a diario milleiros de vehículos e no que se fai necesario que o Estado "actúe de forma decidida". Hai anos, recordan, instalouse un sistema de cruzamento intelixente "que foi todo un fracaso".
A N-550, de titularidade estatal, é unha das principais estradas galegas e no seu paso polo concello de Barro causa, advirte a formación, "trastornos que cómpre solucionar canto antes para evitar máis accidentes".
Relacionadas:
-
Os Orzamentos do Estado son, segundo o PSOE, "unha magnífica nova para Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |
-
A recuperación de Tambo, pantallas acústicas na Barca ou a titularidade da Casa do Ateneo, nas emendas do BNG aos orzamentos do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG promete medidas no Congreso para "darlle a volta" aos tramos urbanos das N-550, N-640 ou N-541
Por Redacción |