Unha nai de aluguer e un pai que recorreu a este sistema de reprodución contarán as súas experiencias en Pontevedra
Por Natalia Puga
Pontevedra acollerá os próximos 22 e 23 de novembro o VII Congreso Internacional do Grupo de Investigación sobre infancia e familia Afín, o primeiro que se centrará de forma exclusiva nas adopcións e a primeira ocasión en que falen en público e abertamente unha muller que prestou o seu sistema reprodutivo como ventre de aluguer para outras familias que non podían ter fillos.
Esta presentación en sociedade da primeira nai de aluguer desenvolverase no Pazo da Cultura e non será a única experiencia exclusiva do congreso. Tamén acudirá o pai dunha familia que optou por recorrer a un ventre de aluguer e un rapaz que foi adoptado sendo xa maior contará a súa experiencia.
A antropóloga e directora do Grupo Afin Diana Marre acudiu este venres a Pontevedra para presentar o congreso, no que se darán cita familias adoptivas, técnicos, avogados, investigadores e profesionais que traballan con adopcións de todo o mundo.
O Grupo Afín, adscrito á Universidad Autónoma de Barcelona, investiga sobre infancia e familia, pero ten unha liña de traballo central vinculada coa adopción, de aí que no seu sétimo congreso internacional decidisen, por primeira vez, centrarse de forma exclusiva en abordar este fenómeno. Analizarán, en concreto, o momento actual no que se cumpren os dez anos do boom das adopcións en España. Tras a análise da evolución, afrontarán "qué desafios nos plantea la situación actual".
As adopcións "han ido decreciendo" por varias causas, entre elas, que hai xente que "ha desistido por temas económicos"
Aproveitando a súa visita a Pontevedra fixo un primeiro balance desa situación e asegurou que fronte ao boom que entre 1998 e 2006 converteu a España no segundo país do mundo con máis adopcións (por detrás de Estados Unidos), na actualidade "han ido decreciendo".
Ve varias causas nese descenso que afecta a todo o mundo. Van dende que algúns países como China e Rusia impuxeron máis restricións, a que "cada vez hai menos niños adoptables" e tamén á situación económica, pois "hemos visto gente que ha desistido por temas económicos, en especial las que no eran del primer hijo". Recoñece que tamén pode ter influido que "algunas adopciones han tenido problemas".
A subrogación ou o uso de nais de aluguer non está permitida en España, pero si terá un oco no congreso porque cada vez hai máis familias españolas que a utilizan e se calcula que se puideron facer máis dun millar. As familias contratan os servizos de nais doutros países nos que si é legal como Estados Unidos, India, Thailandia ou países de América Latina como Arxentina e Brasil e Colombia, se ben nestes dous últimos non está legalizado, senón que está nunha situación de baleiro legal.
O vicepresidente da Asociación Galega de Axuda á Adopción (Manaia), Antón Mouriz, presentou o congreso xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Benestar Social, Carmen Fouces, e destacou que o deste congreso é "un programa único. Non o imos ter en Galicia nin en España outra vez, non se vai repetir".
Lores ve o tema "interesante" porque fará un "análise en profundidade" e Carmen Fouces resaltou que a temática do congreso "encaixa perfectamente coa idea de cidades que temos en canto a infancia e familia".
Relacionadas:
-
Chega a Pontevedra o segundo congreso galego de adopción
Por Redacción |
-
RADIO.- Maternidade subrogada: debate controvertido e realidade en progresivo aumento
Por Marisa Ciordia |
-
A Xunta porá en marcha servizos integrais de apoio e formación continua ás familias adoptantes
Por Redacción |
-
Expertos internacionais en adopcións daranse cita no Pazo da Cultura en novembro
Por Redacción |