A Xunta licita a construción dunha senda peonil en Corón
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sacou a licitación este venres as obras de construción dunha senda peonil con 3,3 quilómetros de beirarrúas na estrada autonómica PO-549 ao seu paso polo lugar de Corón, no Concello de Vilanova de Arousa, cun investimento de 1,1 millóns de euros.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de decembro.
A obra vai ser financiada a través dos fondos europeos de reconstrución React-EU e desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022 dando continuidade a outros itinerarios xa executados na PO-307 entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa, a PO-549 entre Tarrío e Cores e a PO-306 entre Vilanova e A Illa.
Completará un itinerario peonil continuo de 10 quilómetros no Salnés entre este municipio e os de Vilagarcía, A Illa e Cambados.
Esta intervención busca regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas, e mesmo treitos nos cales as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros.
Os traballos constan dun prazo de execución de 9 meses. O proxecto recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.
Para iso, construiranse ou renovaranse 3.270 metros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, que se reducirá a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.
Ademais, acometeranse outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a relocalización e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros en tres treitos atendendo unha demanda do Concello de Vilanova.
No proxecto inclúese tamén a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao longo dos treitos e a rebaixa dos bordos nos accesos ás vivendas e nas entradas aos predios. A renovación do alumeado público tamén está contemplada, pero se executará nun proxecto independente.
Relacionadas:
-
Fase final das obras da senda peonil da PO-549 ao seu paso por Corón
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda destaca a mobilidade sustentable no Salnés na visita á senda peonil en Vilanova
Por Redacción |
-
O Plan de Vialidade Invernal estará activo a partir do luns na provincia
Por Redacción |
-
A Xunta licitará esta primavera a senda de Corón, en Vilanova de Arousa
Por Redacción |