A humanización do vial que une O Vinquiño e Contumil custará medio millón de euros
Por Redacción
Un total de seis empresas optan a executar a humanización do vial que une O Vinquiño e Contumil.
A actuación, que conta cun prazo de execución de cinco meses, saíu a licitación por 506.939 euros, e servirá para mellorar a seguridade viaria nunha zona moi transitada tanto por vehículos como por peóns. Os traballos serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación e con fondos propios.
O proxecto contempla unha senda peonil de formigón coloreado de dous metros de ancho, unha área de descanso, dotación de iluminación pública e unha mellora da rede de saneamento.
Na actualidade o pavimento do vial atópase en moi mal estado e en varias zonas o ancho é escaso supoñendo un grave perigo para veciños e nenos que transitan pola zona na que se atopa o colexio de Nantes e as instalacións do Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo.
Os traballos expoñen a ampliación da estrada ata os 8 metros, deixando 2 deles para unha senda na marxe dereita que garanta unha circulación segura para o peón, alcanzando as dúas marxes onde se alarga o vial. Para delimitar a senda peonil, que estará á mesma altura que a calzada, colocaranse 991 metros de bordo prefabricado de formigón.
O proxecto contempla tamén unha área de convivencia no tramo intermedio coa pavimentación igual á da senda peonil, fundíndose as dúas zonas nunha. Nesta zona plantaranse varias árbores, e colocaranse uns bancos de madeira e unhas papeleiras, para que os viandantes poidan descansar e retomar forzas.
Previamente á pavimentación, mellorarase a rede de saneamento, coa colocación dunha tubaxe de pluviais de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se soterrarán os cables de telefonía e electricidade. A obra contempla a dotación de iluminación pública na zona con 35 puntos de luz, un cada 30 metros, con luminarias led de alta potencia.
Os traballos darán comezo cunha limpeza completa das marxes do vial, coa apertura de cunetas onde sexa necesario. A actuación conta con 1.048 metros de lonxitude e foi precisa a cesión voluntaria de terreo de seis veciños lindeiros coa senda proxectada.
As melloras incluídas no prego están valoradas en 45.793 euros e afectan a drenaxe, a pavimentación, a sinalización horizontal, a ordenación do aparcamento e a iluminación pública. Tamén se expón a ampliación da garantía de 1 a 4 anos.