Comezan os traballos para crear a senda peonil entre O Vinquiño e Contumil
Por Redacción
Os operarios da empresa adxudicataria das obras para humanizar o vial que une O Vinquiño e Contumil no Concello de Sanxenxo iniciaron xa os traballos deste proxecto que conta cun orzamento de 497.764 euros.
As primeiras accións céntranse na limpeza das marxes desta vía e a apertura de cunetas. Esta intervención realízase ao longo de 1.048 metros de lonxitude coa cesión voluntaria de terreos de parcelas pertencentes a seis veciños por onde transcorre esta senda.
Nesta obra inclúese unha senda peonil elaborada con formigón de cor, cunha anchura de dous metros, unha zona de descanso e mellora da rede de saneamento. Tamén se dotará de iluminación pública a este espazo.
O Concello de Sanxenxo indica que o pavimento actual atópase en "moi mal estado" con zonas de ancho escaso provocando perigo para viandantes que transitan pola zona, principalmente estudantes que acoden ao colexio de Nantes e ao Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo.
A estrada ampliarase ata os oito metros, dos que dous se destinarán, na marxe dereita, á circulación segura dos peóns. A zona peonil atoparase limitada por 991 metros de bordo prefabricado de formigón.
Antes da pavimentación mellorarase a rede de saneamento coa instalación dunha tubaxe de pluviais de PVC con pozos de rexistro e rede de sumidoiros. Está previsto que os cables de telefonía e electricidade tamén se canalicen subterraneamente. Instalaranse 35 puntos de luz, cunha distancia de 30 metros entre eles, con iluminación led de alta potencia, segundo o goberno local.
Crearase tamén unha zona de convivencia no tramo intermedio con árbores e bancos de madeira, ademais de papeleiras. Toda a obra está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais.
Relacionadas:
-
Avanzan sen problemas as obras na rotonda do Vinquiño e no vial de Contumil
Por Oskar Viéitez |
-
As obras da senda peonil O Vinquiño-Contumil concluirán en dúas semanas
Por Redacción |
-
Sanxenxo convoca un pleno extraordinario para ampliar e mellorar a rede de auga e saneamento
Por Redacción |
-
A humanización do vial que une O Vinquiño e Contumil custará medio millón de euros
Por Redacción |