O camiño entre A Freixa e Ostreira, en San Xoán de Poio, xa está reformado
Por Redacción
Operarios municipais completaron os traballos de mellora e posta a punto dun camiño secundario, duns 150 metros de extensión, situado na parroquia de San Xoán, que enlaza o lugar da Freixa coa senda costeira da Ostreira, que á súa vez une Campelo coa Seca.
Os traballos duraron dúas semanas e as boas condicións meteorolóxicas permitiron rematalos de xeito rápido e satisfactorio. O camiño estará operativo ao 100% despois da fin de semana.
A intervención consistiu na limpeza e arrombe do terreo. Ademais, tamén se apostou pola dotación dunha cuneta tendida formigonada no marxe esquerdo da pista, en dirección á senda litoral, que servirá para garantir a recollida de augas pluviais.
Deste xeito, segundo o Concello de Poio, impedirase que, en épocas de moita chuvia, caian restos de maleza ata o mar, como xa ten sucedido nalgunha ocasión.
Aproveitando as tarefas de limpeza tamén se procedeu a anchear o camiño, de xeito que agora os seus usuarios disporán dun maior espazo para transitar.