Comezan as obras de mellora da primeira travesía da Seara
Por Redacción
Xa están en marcha os traballos para a reforma integral da Primeira Travesía da Seara. Os operarios da empresa adxudicataria, EC Casas, comezaron as obras esta mesma semana. As primeiras tarefas céntranse no levantamento do firme, para a dotación e renovación de diferentes servizos básicos.
A tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada (PSOE), visitou a zona este mércores, acompañada polo tamén socialista Gregorio Agís, responsable da área de Urbanismo e Promoción Económica.
Os integrantes do Goberno local confían en que a actuación estea lista en poucos meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.
Grazas a este proxecto, este ramal, que conecta a PO-308 ao seu paso polo centro de San Xoán e o núcleo principal da Seara, pasará a gozar dunha importante mellora nos servizos de saneamento, así como na separación de pluviais e abastecemento.
Contémplase, asemade, o soterramento de tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións.
Finalmente, haberá novo alumeado e unha superficie de empedrado, seguindo a filosofía xa iniciada nas obras da vía principal da Seara, para garantir a harmonía e o respecto coa contorna deste núcleo tradicional. "Esta é unha aposta que caracteriza a todos os proxectos que estamos a impulsar neste tipo de núcleos", recorda a tenente de alcalde.
O orzamento deste proxecto ascende a un total de 151.857 euros, IVE engadido. A actuación impulsouse a maiores da xa completada no núcleo da Seara, que no seu día tivo que volver a sacarse a licitación polo cese repentino de actividade da empresa Nexia.
Este imprevisto foi aproveitado polo Concello para elaborar máis proxectos a maiores, que serven para estender a mellora ás conexións próximas. En total, o investimento realizado nas melloras realizadas nesta contorna supera os 600.000 euros, que se financian a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2021.
Durante a realización destas obras, será necesario realizar cortes puntuais de tráfico ao longo da Primeira Travesía da Seara.
Relacionadas:
-
"Últimos retoques" para rematar as obras de rehabilitación integral da Primeira Travesía da Seara
Por Redacción |
-
As brigadas municipais de Poio dotarán de rede de pluviais á rúa Espiñeiros
Por Redacción |
-
Adxudicada a humanización do Camiño Casal, na parroquia de San Xoán
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia cinco novas roturas de tuberías en 400 metros na Seara
Por Oskar Viéitez |
-
EC Casas executará a reforma da Primeira Travesía da Seara por 151.000 euros
Por Redacción |