A covid-19 dispárase no Grove con 30 casos activos e leva a organizar un cribado
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde organizará durante a fin de semana un cribado poboación no Concello do Grove co obxectivo de detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus nesta localidade.
Este mércores, segundo os datos facilitados polo Concello, hai 30 casos activos, cifra que levou á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a organizar un cribado con PCR.
O cribado voluntario terá lugar na Casa da Terceira Idade de O Corgo durante o sábado 27 e o domingo 28 de novembro, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.
Vaise convocar, vía SMS, á poboación grovense de 60 a 79 anos de idade, colectivo que neste Concello acada as 2.260 persoas.
Para levar a cabo este cribado, a administración sanitaria pública galega conta con dous equipos de enfermaría en cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, recollida das mostras e información aos usuarios que o precisen.
Os resultados negativos serán comunicados por SMS e os positivos contactando directamente vía telefónica con cada persoa.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera á poboación grovense a importancia de acudir ás citacións para estes cribados, á vez que insiste no mantemento das medidas de protección xa coñecidas -uso de máscara, hixiene de mans e distancia de seguridade-.
Relacionadas:
-
Os ingresos por covid soben a 9 na área sanitaria e os positivos diarios dispáranse ata os 45
Por Diego Espiño |
-
As familias do Álvarez Limeses piden o peche preventivo do colexio ante un "crecemento exponencial da covid"
Por Natalia Puga |
-
Anuncian novos puntos fixos e móbiles para a realización de test de antíxenos
Por Redacción |
-
"Cústanos controlar O Salnés porque é unha área con máis interacción e movemento"
Por Alejandro Espiño |
-
Mellora a situación na Illa, que pasa de nivel alto a medio, mentres O Grove segue coas restricións máximas
Por Natalia Puga |
-
Cribado no Grove para detectar asintomáticos e frear a escalada de contaxios
Por Redacción |