Aprobado o Plan de Igualdade que garante as mesmas condicións laborais para mulleres e homes na administración local
Por Redacción
O primeiro Plan de Igualdade do Concello de Vilaboa xa foi aprobado polo goberno local e, durante o próximos catro anos, estará vixente para o persoal da administración do municipio.
Segundo informan desde o goberno local, o plan recolle medidas que garantirán a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo e de saúde laboral, tamén na prevención do acoso laboral e na protección no caso de que se produzan situacións de violencia de xénero.
Ademais adoptaranse medidas para mellorar en conciliación nas retribucións, formación e desenvolvemento da carreira profesional e tamén na selección do persoal.
O plan nace dun estudo realizado para diagnosticar, desde un punto de vista do xénero, a situación de traballadores e traballadoras municipais. O estudo realizábase tomando como referente o ano 2020 no que das 53 persoas que prestaron servizo para o Concello, 26 foron mulleres (49,06%) e 27 foron homes (50,94%).
No estudo ofrécese o dato de que a representación de mulleres en postos de decisión no marco municipal é moi superior á media do resto das entidades locais. Vilaboa ofrece un 54% fronte á media española do 36,69% e ao 40,77% de Galicia.
Entre o persoal funcionario, o 37,5% son mulleres mentres que os homes representan o 63%. En canto a persoal laboral, as mulleres sitúanse nunha 56% fronte ao 42% dos homes.
O estudo mostra como hai postos de traballo masculinizados como os peóns e os albaneis adscritos á área de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos Básicos. Das 13 persoas que traballan neste servizo, 8 son homes e 5, mulleres.
Na unidade de limpeza que traballa fóra do Concello, en espazos como a galescola ou o centro de saúde, e na limpeza en xeral do municipio, os postos de traballo de peón/a atópanse feminizados ao contabilizarse 7 mulleres e un só home, mentres que os postos de limpadores son realizados por dous homes.