Inauguran na rectoral do Sagrado Corazón de Ponte Caldelas un belén de mil pezas
Por Redacción
Na Casa Rectoral do Sagrado Corazón de Ponte Caldelas xa pode visitarse o tradicional belén que se cada ano promove a Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns. Esta obra costumbrista de máis de 20 metros cadrados deseñado por Antonio Varela e Marisol Peso foi inaugurada polos veciños nun acto presidido polo cura párroco Benito Vázquez e o presidente do colectivo, Antón Xil.
O acto inaugural iniciouse cunha oración litúrxica do párroco, quen reivindicou estas datas desde o punto de vista do reencontro familiar e de solidariedade.
Antonio Varela, o deseñador do belén, é un belenista consagrado, residente en Parada e colaborador habitual da Cultural de Forzáns. Súa tamén é a elaboración do belén de grandes dimensións que cada ano se expón na Comandancia da Garda Civil en Pontevedra.
Os seus desexos de expoñer a arte belenista en Ponte Caldelas inspiraron a colaboración entre a Cultural de Forzáns e a Unidade Pastoral de Ponte Caldelas para que unha creación súa e de Marisol Peso estea exposta durante o periodo de Nadal na Rectoral do Sagrado Corazón de Ponte Caldelas en horario de luns a venres de 18 a 20 horas, os sábados de 11 a 14 horas e de 18 a 20 horas e os domingos de 11:30 a 14 horas.
A entrada é libre e gratuíta respectando aforos e medidas de seguridade sanitarias.
Este belén artesanal tradicional con motivos costumbristas ten preto de 1.000 pezas e está elevado sobre un relieve montañoso. Recrea, ademais do famoso Castelo de Herodes, unha ducia de escenas que recollen ademais do Nacemento, un río con auga en movemento, unha fervenza e unha ponte, unha praza do pobo, unha fonte, actividades de labranza, sementado de campos e viñedos, palleiros, porcos, galiñas, animais domésticos, un mercado, panadería, taberna, pousada, un muíño, etc.
As casas están feitas a man con total realismo e sobresaen as tellas feitas, unha a unha, cun coidado absoluto e cun nivel de precisión extraordinario. Tamén é de salientar a decoración vexetal, os sendeiros e camiños e toda a composición que acada unha beleza extraordinaria.
Ademais de que este Belén poida ser visitado polo público, os promotores da iniciativa cursarán invitacións aos centros educativos e as escolas infantís do municipio así como aos de Fornelos de Montes e A Lama para que poidan achegarse ata Ponte Caldelas e gozar desta demostración da arte belenista.
Relacionadas:
-
Un coche de cabalos achegará a Papá Noel a Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Cinco árbores luminosas dan a benvida a Ponte Caldelas durante o Nadal
Por Redacción |
-
Comprar en Nadal en Ponte Caldelas terá premio
Por Redacción |
-
Haberá axudas en Ponte Caldelas para os regalos de Nadal de familias vulnerables
Por Redacción |