Defensa do turismo sostible e social no I Foro Euro Mediterráneo-Américas
Por Redacción
O Museo de Pontevedra acolle durante dous días o primeiro Foro Euro Mediterráneo-Américas, un evento no que a Ruta dos Fenicios e o capítulo da Organización Internacional do Turismo Social para o continente americano (ISTO Américas) certifican o seu compromiso para colaborar no terreo turístico coa intención de organizar actos e poñer en marcha proxectos en común.
Carmela Silva, presidenta provincial, no acto inaugural celebrado este luns indicou que é unha honra acoller esta iniciativa que supón un encontro intercultural aos dous lados do atlántico. A máxima mandataria aposta por tender pontes que promovan modelos turísticos sociais e sostibles. Nesta liña argumental afirmou que desde a Deputación hai un apoio á multiculturalidade, nun mundo que tece redes para compartir valores e principios.
A presidenta destacou a importancia dos navegantes fenicios na provincia para destacar a relación entre culturas que se rexistraba nesta zona noroeste entre representantes de civilizacións mediterráneas e atlánticas fai xa máis de 2.000 anos. E destacou que o turismo actual móvese para experimentar sensacións e coñecer cultura e patrimonio. Carmela Silva anunciou que o próximo ano poñerase en marcha unha exposición organizada pola Deputación para difundir o itinerario cultural da Ruta dos Fenicios tanto na provincia como en todo o territorio español.
O encontro inclúe charlas e mesas redondas, ademais dunha visita aos participantes a varios xacementos arqueolóxicos da provincia. Durante a xornada de apertura participaron representantes do programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa; da Organización de estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI); de ISTO e da Ruta dos Fenicios.
Durante a xornada destacouse a importancia do acordo alcanzado por ISTO e o Ruta dos Fenicios para realizar unha cooperación ao máximo nivel e conectar a turistas dos dous lados do Atlántico, sobre todo no contexto actual, marcado pola pandemia.