Interceptan en Figueirido un camioneiro que superaba ata seis veces a taxa máxima de alcohol
Por Redacción
Varias persoas chamaban o 7 de decembro á Central Operativa de Tráfico da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e alertaban da presenza dun camión que circulaba de forma errática, causando o temor entre outros condutores.
A patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilaboa lograba localizar ao condutor no quilómetro 5,00 da EP-0012, á altura de Figueirido. Ao interceptalo, os axentes vironque o condutor mostraba claros síntomas de inxerir bebidas alcohólicas.
Ao realizar as probas, comprobaron que, en efecto, o resultado era positivo. A taxa de alcol rexistrada na proba de aire aspirado alcanza o 1,00 mg/ l na primeira proba e na segunda chega a 0,98. O vehículo quedou inmobilizado.
O condutor é un veciño de Pontevedra, de 46 anos de idade. Segundo a Garda Civil, a taxa supón que supera ata seis veces a máxima permitida para condutores profesionais.
No caso de que sexa considerado culpable enfrontaríase a unha pena que podería ser de prisión de tres a seis meses; ou a unha multa de seis a doce meses; ou a traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, tamén se contemplaría a privación de conducir vehículos de motor ou ciclomotores por un tempo que oscila entre un e catro anos.
As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Cangas do Morrazo. Desde o Subsector de Tráfico de Pontevedra destacan a colaboración cidadá, a través dos teléfonos de emerxencias ou alertando aos axentes na estrada deste tipo de situacións, para evitar escenas de risco que poden afectar a calquera viandante ou a persoas que circulan pola vía.
INVESTIGACIÓN PENAL A UN CAMIONEIRO POR FALSIDADE DOCUMENTAL
Tamén a Garda Civil de Pontevedra investiga penalmente a un camioneiro, veciño da Coruña, como suposto autor dun delito de falsidade documental ao falsificar os rexistros do tacógrafo digittal do vehículo que trasladaba. O investigado utilizaba, ademais, unha tarxeta de condutor que pertence a outra compañeira de traballo do seu mesma empresa.
O 11 de decembro, ás 17.05 horas, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra inspeccionaba vehículos de transporte pesados, no quilómetro 0,900 da PO-10, no municipio de Pontevedra.
Ao inspeccionar o vehículo, os axentes descubriron que a tarxeta inserida no tacógrafo non se correspondía coa identidade do condutor. Con esta acción, o investigado lograba que os tempos de condución e descanso non se rexistrasen na súa tarxeta persoal.
As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de garda. A comisión deste delito en caso de ser probado conlevaría penas de prisión, que van ata os tres anos e multa ata doce meses.
Segundo a Garda Civil, a conduta de falsificación pon en risco a seguridade do resto de persoas que ciruclan, #ante eventuais situacións de abuso laboral, ademais de infrinxir as horas de descanso, necesarias para garantir condicións óptimas na condución.