Últimos días para consumir o saldo pendente do bono turístico da Xunta
Por Redacción
Galicia estima pechar este ano cunhas cifras exitosas en canto a visitantes, gasto en establecementos turísticos e número de pernoitas. Neste balance positivo, o bono turístico impulsado pola Xunta ten un papel destacado na tarefa de contribuír a reactivar un sector estratéxico na economía galega.
A Xunta puxo en marcha en 2020 o bono turístico para o persoal sanitario, coa finalidade de incentivar o turismo en tempo de pandemia e como unha medida de respiro e agradecemento aos profesionais que traballaban en primeira liña. A esa iniciativa sumouse este 2021 o bono turístico aberto ao público en xeral, co obxectivo de estimular o consumo interno e axudar ao sector.
Tras o gran número de transaccións realizadas polos usuarios durante a tempada de verán, a tendencia mantívose durante estes meses de outono. Deste xeito, confírmase que o bono turístico contribuíu á desestacionalización da oferta turística e a mellorar as cifras de actividade e rendibilidade do sector con case 3,4 millóns de euros inxectados desde o pasado 21 de setembro.
Neste contexto, ademais do relanzamento da actividade turística e de devolver a confianza ao viaxeiro, logrouse manter a actividade turística con boas cifras de ocupación que se mantiveron durante a tempada baixa. De feito, o récord de consumo do bono acadouse en novembro cun gasto de 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis de 1 millón. Ademais, na primeira semana de decembro acadáronse os 655.300 euros, dos que máis de 583.500 corresponden aos días da ponte festiva da Constitución, do venres 3 ao mércores 8 de decembro.
ÚLTIMOS DÍAS PARA CONSUMIR OS BONOS
Os beneficiarios do Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir o saldo pendente das súas tarxetas ata o 31 de decembro.
Deste xeito, dos 12.000 usuarios beneficiarios, os que aínda non fixeran uso da súa tarxeta ou teñan parte sen consumir, teñen ata finais de ano, aproveitando as festas de Nadal para empregalos nos case 1.200 aloxamentos adheridos á iniciativa e os paquetes turísticos comercializados polas axencias de viaxes.
Desde a Xunta lémbrase que os establecementos hostaleiros contan con todas as medidas de prevención ante a situación sanitaria derivada da covid e adáptanse aos protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
BALANCE POSITIVO
O programa abriuse no mes de xuño ao público en xeral, asumindo a Xunta o 60% do crédito das tres tarxetas dispoñibles e os particulares o 40% restante. Desta forma, a través do fomento do consumo interno a Xunta puxo en marcha esta medida pioneira que foi imitada noutras comunidades co obxectivo de inxectar liquidez ao sector turístico tralo impacto da covid. A previsión do Goberno autonómico é mobilizar este ano 7,9 millóns de euros no turismo galego con esta medida.
En conxunto, a Xunta apoiou ao sector con máis de 120 millóns investidos neste ano entre os fondos para a hostalería no marco dos Plans de Rescate e distintas liñas de axudas e medidas para a súa recuperación económica como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia.
A estas iniciativas súmanse outras medidas pioneiras como o seguro coronavirus e o reforzo da mensaxe de que Galicia é un destino seguro. Todas elas contribuíron a conseguir que a comunidade liderase a recuperación turística en España, con datos que mesmo superaron as cifras prepandemia.
Tamén as medidas levadas a cabo para reactivar o Camiño de Santiago con rutas e albergues seguros permitiron acadar xa en setembro o obxectivo marcado para este 2021 de 140.000 "Compostelas", o documento que se lle expide aos peregrinos que completaron a Ruta Xacobea á súa chegada a Santiago. Adiantada esta marca, hai que salientar que no que vai de ano xa se superaron as 170.000 certificacións.
Relacionadas:
-
Poio dá a coñecer ás cinco gañadoras do concurso de tarxetas de Nadal
Por Redacción |
-
Novas achegas do Plan Concellos para Marín e Bueu
Por Redacción |
-
A alta ocupación nas pontes de outubro e novembro confirma o éxito do bono turístico
Por Redacción |
-
Pontevedra lidera as transaccións do bono turístico creado pola Xunta para reactivar o sector
Por Redacción |
-
A Xunta amplía o Bono Turístico para persoal dos sectores sanitario e sociosanitario ata maio de 2021
Por Redacción |