
© Concello de Sanxenxo
Sanxenxo implantará o contedor marrón e reforzará a compostaxe

Por Redacción
Sanxenxo presentará un proxecto ás dúas liñas de axudas que puxo en marcha a Consellería de Medio Ambiente no marco da estratexia Galega de Biorresiduos e Residuos Municipais 2022-2023 co que podería optar a unha subvención de 134.000 euros. O obxectivo que se marca Sanxenxo é alcanzar a separación do 55% de residuos orgánicos en 2025 coa implantación do contedor marrón e o reforzo na compostaxe.
O alcalde, Telmo Martín, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e os edís de Urbanismo, Flavia Besada, e de Obras e Servizos, Óscar Vilar, visitaron este martes o Punto Limpo Móbil situado actualmente en Dorrón, na chaira que está enfronte da Casa de Cultura, tras pasar polas parroquias de Vilalonga, Noalla e Padriñán.
Martín destacou os bos resultados obtidos desde a posta en marcha do punto limpo móbil a primavera do ano pasado. "As administracións debemos facilitar as ferramentas para que os veciños reciclen e separen os residuos, pero é moi importante a responsabilidade individual. E este caso é unha boa mostra da implicación de ambas partes", explicou.
Os residuos máis comúns recollidos no Punto Limpo Móbil ata o de agora foron as pilas (50 quilos), móbiles (25), ferros (38), secadores (53), cargadores móbiles (73) e tóneres (80), pero tamén cables, luces de nadal, sandwicheras, enchufes… A próxima parada, dentro de aproximadamente dous meses, será Noalla na contorna da Lanzada.
A conselleira aproveitou a visita para anunciar a publicación no DOG da liña de axudas por valor de 13,5 millóns de euros enmarcadas dentro da Estratexía Galega de Biorresiduos 2022-2023 e agradeceu "a sensibilidade do alcalde e o seu equipo de goberno co medio ambiente conseguindo importantes cifras de reciclaxe".
Relacionadas:
-
Vilalonga, primeira parada na rolda de visitas de Telmo Martín ás parroquias
Por Redacción |
-
Melloran un vial en Bordóns no lugar da Lamela
Por Redacción |
-
Sanxenxo comprará tres parcelas á Igrexa para vivendas sociais para a mocidade
Por Redacción |
-
A Xunta cofinanciará a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo
Por Oskar Viéitez |