O PP defende o investimento da Xunta en Poio durante 2021, que sitúa en sete millóns de euros
Por Redacción
Ángel Moldes, portavoz do PP en Poio, e a deputada popular no Parlamento de Galicia, Lupe Murillo, analizaban os investimentos da Xunta de Galicia durante o 2021 no Concello de Poio e afirmaban que a administración autonómica é a que "máis inviste no municipio".
Os representantes do Partido Popular sinalan que os investimentos ao longo deste ano en Poio ascenden a case sete millóns de euros, con máis de 300 familias, autónomos e empresas que se puideron beneficiar das axudas da Xunta de Galicia, segundo expuxo Moldes, que afirma sobre esta cantidade que só inclúe as actuacións xa executadas e pagas. No caso de que se sumasen as obras comprometidas, en execución ou as subvencións pendentes de xustificar, a cifra ascendería dous millóns máis.
O apartado no que máis se investiu, segundo os populares, foi o de servizos sociais con case 1,5 millóns de euros. Moldes comparou as cifras cos investimentos que fixeron o Concello ou a Deputación para axudar a familias e hostalería afectada polas consecuencias da pandemia. Neste sentido, lembrou que a Xunta investiu 700.000 euros fronte aos 40.000 da Deputación e o Concello.
Moldes indicou que ao PP gustaríalle que os investimentos fosen aínda maiores pero, en todo caso, defendeu que a Xunta é a administración que máis inviste en Poio, malia as críticas que no principio do ano se realizaban desde o goberno local, que acusaba o executivo de Núñez Feijóo de destinar só 20.000 euros ao municipio.
Pola súa banda, Lupe Murillo avanzou que o orzamento da Xunta nun ano equivale á metade do orzamento municipal. Ademais quixo recoñecer o traballo de Ángel Moldes na súa petición á Xunta de máis partidas para Poio. O Parlamento de Galicia finalizou a tramitación parlamentaria dos orzamentos de 2022, que alcanzarán a cifra récord en Galicia de 11.627 millóns de euros. A deputada advertiu que case a metade deste diñeiro irá destinado a sanidade e 7 de cada 10 euros trasladaranse a gasto social, en apartados como a educación, servizos sociais ou educación.
Nesta liña, indicou que a Xunta poñerá en marcha do proxecto do novo centro de saúde para Poio en canto o Concello ceda os terreos e apuntou a que esta semana se licitou o saneamento da zona da Seca e de Campelo cun investimento de 100.000 euros.
Relacionadas:
-
Os socialistas lamentan o "bloqueo sistemático" da Xunta ao municipio de Poio
Por Redacción |
-
O goberno local aproba o orzamento máis alto da historia de Poio
Por Redacción |
-
Para os populares os orzamentos municipais "non reflicten as necesidades de Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio lamenta que a Xunta deixe fóra dos orzamentos as súas demandas históricas
Por Oskar Viéitez |