Golpea catro vehículos, impacta cunha rocha, voltea o seu coche preto da Policía Local e dá positivo en drogas
Por Redacción
Ás 01.20 horas deste xoves 16, un coche Seat Ibiza de cor gris circulaba pola contorna do Concello de Vilagarcía golpeando a varios vehículos. O condutor saíra do aparcamento situado na rúa Vila Janer, nas proximidades ao cruzamento coa avenida de Moreira Casal. Nesa saída causaba danos a catro turismos aparcados, segundo informa o Concello de Vilagarcía.
A pesar dos impactos, o condutor continuou o seu percorrido para pasar por encima da pequena rotonda que regula o tráfico entre López Ballesteros e Martínez López, perdendo o control do vehículo ata subirse á beirarrúa do xardín de Xoán XXIII. Finalmente estrelábase contra unha das rocas que protexen unhas palmeiras. Como consecuencia do impacto, o turismo envorcaba a unha distancia aproximada de 25 metros das oficinas da Policía Local de Vilagarcía.
Os axentes que se trasladaron ata o lugar comprobaron que o vehículo era conducido por un mozo de 24 anos, veciño de Vilagarcía. Con el viaxaban dúas mozas de 18 e 20 anos. Os tres precisaron atención médica pero na exploración só se apreciaron lesións leves.
Ao ser sometido ao test, os axentes comprobaron que o mozo consumira estupefacientes. As mostras foron enviadas aos laboratorios da Universidade de Santiago para que ratifiquen e amplíen os resultados obtidos. O mozo foi denunciado xudicialmente como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de substancias estupefacientes.
CONTROIS DE ALCOHOLEMIA
A Policía Local tamén informa de que durante os controis de alcoholemia realizadas durante a semana pasada polos axentes desta dotación e pola Garda Civil de Tráfico na campaña que se desenvolvía entre o 9 e o 12 de decembro detectáronse cinco probas positivas entre as 64 executadas.
Dous destas probas positivas saldábanse con infraccións administrativas, ao tratarse de positivos con máis de 0,25 miligramos por litro de aire expirado. As outras tres teñen carácter penal ao superar os 0,60 miligramos por litro e, por tanto, preséntase unha denuncia xudicial.
Relacionadas:
-
A Garda Civil intercepta unha furgoneta de transporte escolar conducida por un taxista que deu positivo en drogas
Por Redacción |
-
Tráfico inicia unha campaña de prevención de atropelos nas estradas da provincia
Por Redacción |
-
Detido o responsable dun punto de distribución polo miúdo de marihuana, cocaína e haxix
Por Redacción |