Tala controlada de eucaliptos na avenida de Bos Aires
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural realizou este xoves unha tala controlada de tres eucaliptos de grandes dimensións na avenida de Bos Aires, na zona de acceso ao primeiro treito da senda do Lérez.
Trátase de tres exemplares que, debido ao espazo no que se atopan ubicados, non se podían cortar do xeito habitual, senón mediante unha tala por sistema de trepa realizada por arboristas cualificados para evitar danos nas árbores que os rodean.
A tala destes executouna a empresa Arbogal e quedou rematada pola mañá, se ben aínda se traballou durante as horas seguintes na retirada de madeira e ramas, polo que o carril curtado na avenida de Bos Aires para efectuar a intervención (en dirección de baixada desde Monte Porreiro) non quedou aberto novamente ata as 17:00 horas.
O concelleiro responsable, Iván Puentes, explicou que os expertos baixaron as ramas de xeito controlado e quitando o tronco cortado en varias seccións, apoiándose nun guindastre de gran tamaño para levar a cabo a súa retirada dun xeito seguro.
Segundo o edil, esta actuación permite darlle continuidade e rematar os traballos de tala de eucaliptos e mellora ecolóxica realizados desde finais de 2019 neste treito das ribeiras do Lérez, do que, neste mandato, xa se retiraran outros once exemplares.