Rescatan os dous ocupantes dun coche precipitado nas rochas en Mogor
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Os servizos de emerxencia colaboraron no rescate de dúas persoas que se precipitaron, co vehículo no que circulaban, por unha zona rochosa en Marín, segundo informou o 112.
Ás doce do mediodía, unha testemuña dos feitos chamou ao 112 Galicia para dar o aviso. Así, a persoa indicaba que un coche acababa de saírse da vía e caer por unha zona rochosa próxima á praia de Mogor. Ademais, o particular descoñecía se había persoas no interior do turismo que puidesen estar feridas.
Nese momento, os xestores do CIAE-112 Galicia alertaron ao persoal sanitario, aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos membros de Protección Civil do concello.
Unha vez no lugar, a patrulla da Policía Local comunicoulle ao 112 que o coche caera por un terraplén duns trinta metros, para quedar entre as rochas, e que fóra do mesmo había dúas persoas que necesitaban axuda para subir ata a estrada.
Finalmente, o rescate levouse a cabo coa intervención dos Bombeiros do Morrazo e, ademais, foi precisa unha embarcación da Garda Civil que os trasladou ao peirao, para poder ser atendidos polos servizos sanitarios.