Expertos subliñan ao agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas para combater o cambio climático
Por Oskar Viéitez
Persoas investigadoras das universidades Miguel Hernández de Alacant e da Universidade Pública de Navarra puxeron este martes de relevo nas 'Xornadas Revitaliza sobre agrocompostaxe' a utilidade dos compost para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático.
Sobre esa base, salientaron a necesaria colaboración entre os concellos e o sector agrogandeiro a través da agrocompostaxe xa que as dúas partes obteñen beneficios mutuos: uns dan un uso útil aos residuos urbanos que hoxe mandan a queimar e outros obteñen abonos orgánicos de calidade –moi escasas na actualidade- para os solos nos que queren producir.
O profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, subliñou que a agricultura e a aplicación de materia orgánica ao solo "es de las pocas herramientas que existen para mitigar el cambio climático".
Na mesma liña se explicou a representante da Universidade Miguel Hernández de Alacant, Ana García Ráncez, que indicou que a "agrocompostaje puede ser la fuerza motriz en la mejora de la gestión de la biomasa no productiva".
Tamén o especialista en residuos Ramón Plana subliñou que a día de hoxe existe unha "oportunidade" para desenvolver a agrocompostaxe e salientou varios aspectos chave para construír un modelo de compostaxe agrícola como o que pretende a Deputación: ter unha normativa clara para o modelo (como parece vai desenvolver en breve o Estado), formación técnica axeitada, supervisión e apoio técnico externo ás plantas, e garantías do servizo temporais e económicas.
Pola súa banda, o asesor de residuos provincial Carlos Pérez afondou máis no anuncio que onte realizou o vicepresidente César Mosquera de abrir unha liña de axudas provinciais para proxectos de agrocompostaxe na provincia. Indicou que haberá apoios tanto aos concellos que realicen unha boa recollida de biorresiduos, para que lle resulte máis barata a recollida selectiva que levar a incinerar, e por outra parte apoios ao sector agrogandeiro que se involucre na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser usados para fertilizar os seus campos.
O resto das intervencións das Xornadas Revitaliza estiveron centradas en casos prácticos sobre agrocompostaxe sobre os que beberá o proxecto provincial.
Relacionadas:
-
Inclúen o Plan Revitaliza nunha guía europea de boas prácticas sobre desperdicios alimentarios
Por Alejandro Espiño |
-
O Plan Revitaliza reparte 100.000 euros para mellorar a xestión de residuos en oito concellos
Por Redacción |
-
A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar experiencias de agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos nacionais analizarán en Pontevedra as vantaxes de retornar os biorresiduos municipais ao agro
Por Redacción |