Suspenden as Badaladas de San Martiño debido ás novas medidas sanitarias
Por Redacción
As novas medidas sanitarias derivadas do incremento de casos covid provoca cambios na programación de Nadal no Concello de Poio, segundo anunciaba este xoves a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.
Por este motivo, suspéndense as Badaladas de San Martiño, previstas para o 30 de decembro. O comité clínico da Xunta de Galicia anunciou que non se permite a celebración de cócteles de pé. Esta decisión é incompatible coa degustación de produtos típicos como chocolate quente ou rosca, ademais das uvas neste evento. Raquel Rodríguez afirma que adaptar este acto ás limitacións provocaría que perdese a súa esencia.
Tamén se aprazará o espectáculo de maxia do 26 de decembro no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e o concerto que a Escola de Música tiña previsto ofrecer o 27 en Campelo.
O resto de actividades programadas mantéñense polo momento pero o equipo de goberno alerta de que se manterán pendentes da evolución da situación sanitaria e de novas medidas que se decreten cando se reúna, a próxima semana, o comité clínico. Raquel Rodríguez indica que a maioría das propostas realízanse ao aire libre e, en principio, 'Nadal sobre rodas' ou os talleres de 'Construíndo o Nadal' continúan en marcha.
Tamén está previsto que o recibimento aos Reis Magos, o 5 de xaneiro, mantéñase cun cumprimento das medidas de seguridade. Precisamente xa se atopan ao dispor da cidadanía as caixas de correos para depositar cartas para Papa Noel, os Reis Magos e o Apalpador, que visitará Poio na xornada do 27 de decembro. As caixas de correos atópanse repartidas na entrada da Casa do Concello; na Praza Alfredo Romay, en Samieira; en Costa Xiráldez, en Lourido; na Praza da Chousa, de Combarro; e no porto de Raxó. O modelo de carta pódese descargar na páxina web do Concello de Poio.
CAMPAÑA 'RECICLA O NADAL'
A concellería de Obras e Servizos Municipais, que dirixe a tenente de alcalde Chelo Besada, anuncia que se están repartindo mil exemplares dunha publicación gratuíta para animar á poboación para realizar un tratamento adecuado dos restos e do lixo que se acumulan nos domicilios durante estas datas do Nadal.
Os folletos animan a apostar por reducir, reutilizar e reciclar cunhas explicacións sinxelas, destinadas a toda a familia. Propoñen apostar por papel de reciclaxe para envolver os agasallos ou reutilizar adornos doutros anos. Tamén se establecen as directtrices sobre a utilización de árbores de Nadal unha vez finalicen as festas ou o tratamento de pilas e baterías.
Aquelas persoas que estean interesadas nestes exemplares poden recollelos na entrada ao Concello. A responsable do servizo lembra que o Concello conta cun Punto Limpo Móbil e con recollida a domicilio de voluminosos, que se pode solicitar a través do teléfono 986.771.185, de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas.