Os Reis Magos farán "cabalgata estática" na Seca e visitarán en coche as parroquias de Poio
Por Redacción
A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, deu a coñecer os detalles da cabalgata estática que protagonizarán os Reis Magos na súa visita á localidade o vindeiro 5 de xaneiro. Neste sentido, explicou que esta foi a fórmula alternativa que substitúe ao percorrido habitual que se realizaba antes da pandemia da covid-19, para adaptala ás actuais medidas sanitarias.
A comitiva real visitará Poio facendo referencia dun xeito especial ao mundo mariño, polo que está previsto que as súas maxestades de Oriente cheguen en tres embarcacións moi especiais. O encontro realizarase na carpa aberta emprazada na Seca, onde xa se desenvolveron previamente diversas actividades da programación de Nadal "con todas as garantías de aforo, distanciamento, ventilación e seguridade", indica Rodríguez.
A concelleira do BNG lembra que a superficie da carpa conta con 1.000 cadrados de extensión e a infraestrutura mide seis metros de alto.
Ademais, haberá un peche perimetral e levaranse a cabo controis nos accesos e saídas para evitar posibles aglomeracións. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á Seca o 5 de xaneiro ás 17.30 horas para saudar aos máis pequenos, pero a actividade na carpa comezará antes, ás 16.30 horas, momento no que xa haberá animación, música, obradoiros e inchables.
A visita dos Reis Magos a Poio non se limitará á sesión de tarde, xa que pola mañá tamén se deixarán ver por todas as parroquias do municipio. Está previsto que as súas maxestades realicen un percorrido en automóbiles de época.
A saída será ás 11.00 horas desde as inmediacións do parque Rosalía de Castro, en Ferreirós. Desde aí, pasarán pola igrexa de San Salvador (11.20 horas), o parque de Costa Xiráldez de Lourido (11.40), a Praza da Granxa de Campelo (12.00), a Praza da Chousa de Combarro (12.30), a Praza Alfredo Romay de Samieira (13.00) e o porto de Raxó (13.20).
Estes horarios son aproximados. En cada unha destas zonas haberá unha animación musical para dar a benvida aos Reis Magos.
Unha vez completado este itinerario, a comitiva desprazarase pola PO-308 ata a casa consistorial, onde haberá unha recepción con saúdos incluídos.
SUSPENSIÓN DOUTRAS ACTIVIDADES
Por outra banda, a edil de Cultura tamén anunciou modificacións no que resta de programación de Nadal, por causa da situación sanitaria.
Deste xeito, queda aprazado o Baile de Aninovo que estaba programado para o domingo 2 de xaneiro na sede da Comunidade de Montes de Combarro. Tamén hai uns días se decidiu suspender as Badaladas de San Martiño, previstas para este xoves 31.
"Confiamos en que en 2022 a situación sexa o suficientemente boa como para poder retomar as actividades de Nadal no seu formato habitual", manifestaba Raquel Rodríguez.
Relacionadas:
-
San Martiño recupera as súas badaladas para despedir por anticipado o 2022
Por Redacción |
-
Os Reis Magos visitan Poio antes da súa noite máis especial
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Vilagarcía anuncia como será a súa Cabalgata de Reis en movemento
Por Redacción |
-
O Grove mantén a cabalgata de Reis pero suspende a recepción no Concello
Por Redacción |
-
Suspenden as Badaladas de San Martiño debido ás novas medidas sanitarias
Por Redacción |
-
Poio propón numerosas actividades de Nadal, que chegarán a todas as parroquias
Por Redacción |
-
A maxia dos tres Reis lévaos por todos os recunchos das Rías Baixas
Por Redacción |