San Martiño recupera as súas badaladas para despedir por anticipado o 2022
Por Redacción
Despois de dous anos de ausencia, a veciñanza de Poio terá de novo ocasión de vivir unha despedida anticipada de ano por todo o alto. Será este venres, 30 de decembro, ás 20 horas, coas Badaladas de San Martiño, unha cita na que a música, a diversión e as degustacións de chocolate e rosca gratuítas estarán garantidas.
As concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas deron a coñecer este martes os detalles dunha festa que viviu a súa primeira edición oficial no ano 2019, sendo todo un éxito de convocatoria, e que, posteriormente, tivo que adiarse tanto en 2020 como en 2021, por mor da situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19.
“Estamos moi satisfeitas de poder recuperar un encontro que, sen dúbida, é un dos puntos fortes do programa Vive o Nadal en Poio”, explicou Rodríguez. En principio, está previsto que a festa se desenvolva na explanada anexa á capela de San Martiño. Sen embargo, no caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, a celebración trasladarase á Carpa de Nadal habilitada na Seca.
“Temos claro que a chuvia non vai impedir recuperar esta cita tan especial”, subliñou a edil de Cultura. Ao igual que na súa primeira edición, haberá unha foliada, na que poderán participar todas as persoas que así o desexen, polo que desde o Concello fan un chamamento animando á veciñanza a que acuda cos seus instrumentos musicais. Durante a celebración procederase ao reparto de chocolate quente e rosca. O punto culminante serán as uvas, que servirán para despedir o 2022 por anticipado, dándolle a benvida ao novo ano.
“A diversión e o bo ambiente están garantidos ata ben entrada a noite”, sinala Raquel Rodríguez, que confía en que a convocatoria volva ser todo un éxito, ao igual que sucedeu en 2019.
Previamente, ás 17 horas do propio venres, a Carpa da Seca acollerá unha exhibición de ximnasia rítmica, ofrecida por integrantes do Club Saraiba de Poio. Ademais, este mércores a mesma carpa acollerá a entrega de premios ás gañadoras do concurso de Tarxetas de Nadal, ás 18 horas. Posteriormente, os Trasnos de Nadal ofrecerán un espectáculo musical.
Por último, para o xoves 29 está prevista unha gran gala de maxia, cas actuacións de Christian Miró, Gisell, Joshua Kenneth e o Mago Paco. “Continuamos cunha programación pensada para toda a familia e que xa nestes primeiros días está a contar cunha gran participación”, conclúe a concelleira de Cultura.