Aprobados máis de dez millóns de euros para o contrato de explotación da depuradora dos Praceres
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobaba este mércores 29 de decembro destinar case 10,2 millóns de euros para a xestión e explotación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.
Con este acordo, o Executivo autonómico autoriza á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, á continuidade do servizo que garante o funcionamento da depuradora dos Praceres e as súas instalacións asociadas durante os dous vindeiros anos, prevendo este novo contrato a posibilidade de prórroga por un prazo máximo de 3 anos máis, segundo se informa desde a Xunta.
Tendo en conta os elevados custos enerxéticos do sistema de depuración, o novo contrato de explotación exclúe a xestión enerxética, que asumirá a Xunta a través dun mecanismo centralizado, co obxectivo de minorar o impacto da factura eléctrica.
Lembra o Goberno autonómico que a construción da depuradora dos Praceres está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma, sendo Pontevedra a única gran cidade na que o Concello non xestiona a depuradora municipal.
En 2007, o Concello de Pontevedra transfería a Augas de Galicia o servizo de mantemento da depuradora dos Praceres, que recibe e trata as augas residuais dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio. Naquel momento, as instalacións limitábanse a ofrecer un tratamento físico-químico e posteriormente foron ampliadas para completar a depuración con tratamento secundario e desodorización, entre outras melloras.
Desde o pasado outono están funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento no marco do contrato das obras de mellora executadas pola Xunta. Tras un investimento autonómico de 16,5 millóns de euros, a reforma tecnolóxica executada permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, e dar cumprimento os límites de vertido marcados pola directiva europea.
En paralelo a esta actuación na estación depuradora, a Xunta está a executar o novo emisario submarino dos Praceres, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa Unión Europea.
Tanto a mellora da depuradora como a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado pola Xunta de Galicia. As actuación de saneamento da ría de Pontevedra están financiadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Relacionadas:
-
Así avanza a perforación do túnel do tramo terrestre do emisario en Praceres
Por Redacción |
-
Presentadas once ofertas para a xestión e mantemento da depuradora dos Praceres
Por Redacción |
-
A tuneladora que construirá o emisario submarino chegará a Praceres en febreiro
Por Oskar Viéitez |
-
A depuradora de Praceres, en plena fase final de probas
Por Natalia Puga |
-
Inician as probas dos novos sistemas de depuración biolóxica da EDAR dos Praceres
Por Redacción |
-
A depuradora dos Praceres, en servizo en setembro despois das obras de mellora
Por Redacción |
-
A Xunta asina a acta de replanteo para o inicio das obras do emisario submarino
Por Oskar Viéitez |