Unha Noitevella "tranquila" con moita xente no recinto feiral e o Teucro que se "dispersou" antes das 3
Por Natalia Puga
"Gratitude" e "responsabilidade". Con estas dúas palabras fixo balance da Noitevella e o primeiro día do ano 2022 en Pontevedra a portavoz do Goberno local. Anabel Gulías quixo dar as grazas á poboación da cidade por ser responsable cumprindo " maioritariamente" as restricións impostas, algunhas delas "incomprensibles" e tamén ao sector da hostalería porque, na maior parte dos casos, " cumpriron escrupulosamente".
"Pontevedra foi unha cidade tranquila", asegura Gulías, que destacou como un dos escasos incidentes do último día do ano que o venres 31 detectouse a presenza de moita xente tanto no recinto feiral, lugar habitual no que se realiza botellón, como na praza do Teucro. Con todo, a presenza de axentes das policías Local, Nacional e Autonómica fixo que todas as persoas presentes procedesen a dispersarse.
Segundo asegura, comprobouse que ás 3 da madrugada, momento no que comezaba o famoso "toque de non queda" decretado pola Xunta para o control da pandemia, a zona quedou "practicamente baleira".
A preguntas dos xornalistas, Anabel Gulías tamén indicou que nos partes policiais non consta ningunha incidencia en relación coa presenza de gran cantidade de persoas que na tarde do 31 de decembro concentráronse en prazas como Méndez Núñez ou a Verdura, adiantando á tarde as habituais celebracións nocturnas que quedaron prohibidas polas restricións. A portavoz municipal recoñece que había "moita xente", pero non se detectaron incidencias na seguridade.
O xoves 30 de decembro a Policía Local había tido que denunciar a un local de hostalería da praza Marqués de Aranda por incumprir o horario de peche dos veladores. Á unha e media da madrugada, realizáronlle unha advertencia previa e, ante o incumprimento, foi denunciado.
Xa o sábado 1 de xaneiro os policías municipais realizaron outra denuncia a un local de hostalería da rúa Real por incumprimento de tres normas impostas para frear a pandemia. A persoa que atendía non levaba máscara, non tiñan os correspondentes carteis informativos coas normas covid e tampouco e medidor de CO2 obrigatorio.
Ese mesmo día outra persoa foi denunciada por camiñar pola rúa Benito Corbal sen a máscara obrigatoria. Os axentes pedíronlle que a puxese e, ante a súa negativa, formularon unha denuncia.
A portavoz do Goberno local tamén realizou un balance moi positivo" do funcionamento do dispositivo especial de tráfico deste Nadal, no que non se detectou " ningunha circunstancia especial".