Sogama adxudica por máis de 15 millóns de euros a nova planta de biorresiduos de Vilanova
Por Redacción
A empresa pública Sogama adxudicou por un importe de 15,1 millóns de euros (IVE incluído) a obra de execución e posta en marcha dunha planta de biorresiduos en Vilanova de Arousa.
A obra vaina realizar a UTE Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares, S.A–Arias Infraestruturas, S.A–Petrolam Infraestruturas, S.L–Prace, Servizos e Obras, S.A.
A instalación localizarase no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e polas que realizou un desembolso de 1,5 millóns de euros.
Dará servizo a 26 concellos con 326.846 habitantes, contará con capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e outras 7.000 de podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, que se destinará ao sector agrícola como abono natural, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta integrará a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, que levará a cabo en naves pechadas, comprendendo todas as fases e os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. A operativa industrial alimentarase con enerxía renovable a través de paneis solares, fundamentalmente.
Esta instalación integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para garantir que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama poidan acceder á valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
A previsión é que as instalacións integradas nesta rede, á que se destina un investimento global de 38,6 millóns de euros, entren en funcionamento a finais deste ano.