Volta ao cole con 13.000 baixas por covid na comunidade educativa galega
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, comunicou este luns que o "reinicio" do curso escolar en Galicia despois do parón do Nadal prodúcese con 13.000 baixas por covid na comunidade educativa.
"Todos somos conscientes que estamos nun reinicio de curso tremendamente complexo, nunha sexta ola cunha variante nova da covid que está xenerando un importante número de contaxios", dixo Román Rodríguez.
Os datos oficiais actualizados a este luns 10 de xaneiro en Galicia superan as previsións do Servizo Galego de Saúde (Sergas) cunhas 13.000 persoas que hoxe non puideron acudir a clase. A cifra refírese ao alumnado, profesorado e ao persoal non docente dos centros educativos.
O conselleiro de Educación indicou que o número de afectados polo coronavirus nos centros educativos galegos multiplica por catro ao do pasado 21 de decembro, cando se iniciaron as vacacións de Nadal. "Isto quere dicir que está nunha secuencia semellante á da poboación xeral", comentou Román Rodríguez.
O conselleiro tamén incidiu en que estes datos indican que "os contaxios non se deron nos centros educativos producíronse fóra" á vez que apuntou que "é previsible que se sigan incrementando nos proximos días".
Román Rodríguez precisou que porcentualmente o número de casos activos sitúase no 18% do medio millón de persoas que, aproximadamente, conforman o groso da comunidade educativa en Galicia.
Segundo os datos que manexa a Consellería de Educación son 800 os docentes que non se incorporaron hoxe ao seu posto, na súa gran maioría por covid. Destes, 700 xa se cubriron con substitutos e para o resto están a facerse as xestións necesarias.
"Estamos facendo un gran esforzo para cubrir de xeito inmediato as baixas pero é posible que nos seguintes días se incrementen, xa que o sistema para anotar as baixas depende do director do centro educativo que carga as baixas cando elixe, o pode facer pola tarde ou pola noite" indicou o conselleiro. O obxectivo é "ir practicamente á par: identiticar as baixas e darlle unha cobertura inmediata ás mesmas".
Tamén apuntou o responsable galego de Educación que "hoxe mesmo, ás 11.22 horas recibimos o documento do Ministerio no que se actualiza a guía para intervir ante un caso positivo".
Relacionadas:
-
A área sanitaria rexistra 13 casos de covid en residencias de maiores, 21 en escolas infantís e 1.666 en centros educativos
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo test gratuíto para os galegos de 5 a 11 anos antes de volver ás aulas o 10 de xaneiro
Por Natalia Puga |
-
Colexios e escolas infantís pontevedresas pechan por vacacións con 533 casos de covid
Por Oskar Viéitez |