Récord de contaxios na área sanitaria, con 940 novos positivos nun día
Por Natalia Puga
A sexta onda da pandemia e a expansión da variante Ómicron (o 85% dos casos xa o son) seguen batendo récords na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este mércores, con datos das seis da tarde do martes, confirmáronse 940 novos positivos nun só día, cifra ata o de agora nunca vista nos 21 meses de pandemia.
O balance oficial recolle que este mércores hai na área sanitaria 8.632 casos activos, 442 máis que a xornada anterior, tras detectarse 940 novos positivos e darse o alta a 498 pacientes.
Deses casos activos, 8.559 son pacientes sen síntomas ou con síntomas leves que se atopan en illamento nos seus domicilios, pero, do mesmo xeito que crecen os casos activos, tamén o fan os pacientes hospitalizados.
Este mércores hai 73 pacientes ingresados, cinco máis que o día anterior. Son sete na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, a mesma cifra que o martes, e 66 en planta de hospitalización, cinco máis nunha xornada.
En canto aos pacientes en planta, 51 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 12 no Hospital do Salnés.
En canto a realización de probas diagnósticas, nas últimas 24 horas fixéronse 707 probas PCR, que elevan a 374.447 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia; e 1.741 test de antíxenos, sendo 195.995 o total dos xa realizados.
Segundo o balance oficial da área sanitaria, durante a xornada deste martes realizáronse nos cinco puntos de realización de test de antíxenos con autocita de Pontevedra, Sanxenxo, Caldas, Marín e Vilagarcía de Arousa un total de 1.161 probas, das que 96 deron positivo.
Desde o inicio da pandemia curáronse 27.180 paciente e faleceron 235.