A piscina e o ximnasio municipal de Sanxenxo achéganse ás cifras previas á pandemia
Por Redacción
A recuperación aínda non é plena, pero a piscina e ximnasio municipais de Sanxenxo achéganse ás cifras de usuarios que tiñan antes da explosión da pandemia de covid-19.
En concreto contan xa co 80% dos usuarios que sumaban en febreiro de 2019, nunha recuperación progresiva desde a súa reapertura o pasado mes de maio.
Segundo sinala o goberno local, actualmente son 645 os socios destas instalacións públicas e emitíronse 1.244 novos bonos.
En canto aos cursos, a limitación de aforos mantén a cifra de 536 anotados nos 63 cursos que se imparten agora mesmo.
Ademais do control de aforos ou da obrigatoriedade actual de contar con certificado de vacinación, de recuperación ou unha PCR negativa realizada nas 72 horas antes, todos estes meses aplicáronse medidas estritas no recinto deportivo, cunha ventilación cruzada e constante, para conseguir unha práctica deportiva segura entre os seus usuarios.