Inician as obras para a conexión das rúas Santa Lucía con Urbano Lugrís
Por Redacción
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, deu conta este martes na comisión de mobilidade, infraestruturas, obras e servizos, celebrada no Concello de Pontevedra, do comezo das obras para a conexión das rúas Santa Lucía con Urbano Lugrís e o Camiño de San Brais.
Seguindo o convenio firmado pola ONCE, a través da cláusula cuarta, o Concello podía esixir que esta unión fose creada unha vez solicitada á entidade. A actuación consiste na realización dunha vía urbana con beirarrúas e calzada de dobre sentido nun treito de corenta metros.
A obra ten unha relevancia especial para Gómez, que explicou no seu día que permitirá establecer unha conexión permeable entre Alfonso X e a Avenida de Vigo a través dos antigos terreos do colexio da ONCE e ampliar a cidade por esta zona, amais de permitir unha mellor conexión do barrio de San Brais coa cidade.
Demetrio Gómez engadiu ademais que "é un momento idóneo para facelo porque a ONCE está executando, dentro do que foi o seu colexio, as obras para crear a nova vía que xunta a rúa da Corva con Alfonso X".
É unha zona que foi gañando e gañará protagonismo na cidade ao estaren alí situados o Centro de Recursos da ONCE, o Centro Sur, o Pavillón Deportivo e algunhas zonas recreativas, tanto o parque da Corva como a zona de petanca. Ademais, estarán aquí a nova residencia de Amencer e o novo centro de traballo de Xoan XXIII.
Para a execución desta nova conexión, o Concello tivo de expropiar tres parcelas entre as rúas da Corva e Urbano Lugrís, preto do Centro de Recursos da ONCE e o IES Torrente Ballester. Son unhas parcelas que "non tiñan demasiada importancia", en palabras do edil de Obras, que suman 635 metros cadrados e que foron expropiadas por 37.012 euros. "Foi un prezo moi razoable", tal e como sinalou Gómez en outubro.