Ceos de primavera e temperaturas de inverno
Por Redacción
Os técnicos de MeteoGalicia prevén ceos pouco anubrados ou despexados nas próximas datas, ocasionalmente con nubes e claros. En canto ás temperaturas, serán normais para este período.
Comezamos a semana con predominio das altas presións que seguen estacionarias ao norte de Península. Agárdase un luns de ceos despexados en xeral, con néboas matinais no interior e algunha nubes baixas no cuadrante noroeste. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e a máximas seguirán sen cambios significativos. O vento soprará frouxo de dirección variable.
O martes Galicia continuará con estabilidade atmosférica e coas altas presións estendéndose dende os Azores até as Illas Británicas. Agárdase así un día de ceos despexados en xeral, con néboas no interior e nubes de estancamento ao norte de Lugo. As temperaturas non terán cambios significativos.
O mércores apenas teremos cambios na configuración da atmosfera, seguiremos así coas altas presións centradas entre Galicia e Irlanda e cun fluxo de ventos do leste. Será un día de ceos despexados en xeral, con néboas matinais no interior. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará frouxo de compoñente leste.