O pavillón de Baltar será completamente acondicionado cos fondos ReacPon da Deputación
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Domínguez, asinaron este martes o convenio do Plan ReacPon, que fará posible que a veciñanza poida contar cun transformado pavillón polideportivo de Baltar.
Esta esperada actuación suporá un investimento de 1.071.431 euros dos que a Deputación aportará 803.573 e o Concello 267.857. Próximo aos campos de fútbol do IES, o edificio carece na actualidade de prestacións deportivas, climatización, confort térmico nin itinerario accesible para persoas con mobilidade reducida. O Plan ReacPon da Deputación garantirá a súa reforma para convertelo nun edificio con eficiencia enerxética, accesibilidade, illamento térmico, nova fachada e novo pavimento.
"Sanxenxo está encantado co trato que recibe da Deputación, que é consciente de que somos un motor da economía da provincia. Grazas á Deputación estamos transformando Sanxenxo dun xeito potente, moderno e sostible", dixo Telmo Martín.
A presidenta Carmela Silva salientou a importancia de mellorar os equipamentos deportivos municipais e sinalou que "os concellos teñen moitísimas ideas, pero só poden converterse en realidades se os dotamos de recursos".
O alcalde de Sanxenxo sinalou que á marxe do Plan Concellos, "unha decisión que aplaudín e volvo aplaudir publicamente", hai moitos exemplos da transformación impulsada na vila polas dúas institucións, con "outros convenios como as obras na contorna do mercado de Portonovo –DepoRemse–, a estrada desde a igrexa de Noalla ata A Lanzada ou a transformación da vía desde a rotonda da PO-308 a Adina", polo que "só temos palabras de agradecemento polo trato recibido da Deputación".
En canto á reforma do pavillón de Baltar, un edificio de case catro décadas "cunha reforma tan integral que parecerá novo", o rexedor salientou que "é a instalación deportiva cuberta máis importante de todo Sanxenxo", e grazas á reforma "converterá Baltar nunha zona aínda máis bonita do que xa é".