Tomeza mellorará a súa seguridade e mobilidade grazas á renovación integral da EP-0002
Por Redacción
O Concello de Pontevedra en convenio coa Deputación, realizarán unha serie de actuacións na estrada EP-0002 que discorre por Tomeza.
O concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, presentou este venres o proxecto co que mellorarán "a calidade de vida da veciñanza que residen nestas zonas". Ademais se trata dunha das zonas pola que discorre o Camiño de Santiago, "unha das liñas fundamentais a tratar e a mellorar para que as persoas que nos visitan poidan facelo nas mellores condicións posíbeis".
As últimas actuacións que realizou o Concello nos lugares que atravesa o Camiño foron o casco histórico, o Gorgullón, Virxe do Camiño, Ponte do Burgo... Mais agora o esforzo estará posto sobre un trazado alternativo ao percorrido oficial en Tomeza, usada masivamente pola veciñanza e polos viaxeiros.
"Úsase porque as condicións de seguridade do trazado oficial que temos na estrada EP-0002 non son as mellores, polo que existe un problema a solucionar, precisamos realizar unha actuación que corrixa isto", explicou Oubiña.
O proxecto vai percorrer a parroquia de Tomeza, desde o núcleo do Pobo, lindando con Vilaboa, até o lugar do Marco, na redonda que a Xunta ten alí. É unha actuación duns 2,5 quilómetros, e que será realizada en base a unha senda pola marxe esquerda da estrada, dirección Pontevedra. "É unha intervención que quere establecer unha senda corrida en todo o trazado cun ancho mínimo de 2,5 metros para garantir a seguridade das persoas que a utilicen", sinalou o edil.
O concelleiro tamén destacou a existencia de dúas zonas nas que o ancho da vía non permite o ancho mínimo da senda, polo que nestes casos construirán unha plataforma única de coexistencia. Tamén colocarán pasos de peóns elevados nalgúns puntos para facilitar a unión das vivendas con esta senda, amais de lograr un calmado do tráfico na vía, polo que "será unha actuación integral para mellorar a mobilidade en toda a zona".
Desde o Concello de Pontevedra consideran que "é unha actuación máis que positiva, ao reforzar e complementar o núcleo de centralidade de Tomeza, realizado no pasado ano, ao mellorar a conexión peonil entre diferentes puntos da parroquia. A actuación que está por vir podería formar parte perfectamente desta idea xeral".
O proxecto custará algo máis de 1.250.000 euros financiados pola entidade provincial. A este custe hai que engadir as expropiacións dos espazos afectados, sumando un total de 34 parcelas, que realizará o Concello para lograr o mellor trazado posíbel.
Ás 12.30 horas deste sábado 29 de xaneiro reunirase o coordinador do Rural coa veciñanza do lugar no Local Social de Lusquiños, en Tomeza, para explicar o proxecto polo miúdo e sinalar os seguintes pasos a seguir e realizar.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba o convenio para dotar dunha senda peonil á estrada O Marco-Tomeza-Figueirido
Por Oskar Viéitez |
-
A mellora da estrada de Tomeza, pendente da sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O PP acudirá á Valedora do Pobo se a Deputación non lle deixa ver o expediente da estrada entre Tomeza e O Marco
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación que emende os puntos negros do Camiño ao seu paso por Tomeza
Por Redacción |
-
Millón e medio de euros para levar a subministración de auga a 320 vivendas de Tomeza
Por Alejandro Espiño |