A terceira edición de PonteSan celebrarase en maio e centrarase na loita contra a depresión
Por Oskar Viéitez
A Casa das Campás acolleu este mércores a unha trintena de representantes das asociacións socio sanitarias de Pontevedra que están involucradas na organización da terceira edición da feira sobre saúde e benestar, PonteSan, que terá lugar a penúltima fin de semana de maio (días 20, 21 e 22 de maio) e que este ano estará centrada na loita contra a depresión, a ansiedade e a tristeza.
Trátase dun evento que inclúe conferencias e talleres ademais dunha carpa na que se instalarán os postos de multitude de asociacións de Pontevedra e a súa provincia relacionadas co ámbito sociosanitario.
O tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, explicou que "hoxe demos o pistoletazo de saída" a unha nova edición de PonteSan e destacou a asistencia "moi importante" de asociacións comprometidas nesta iniciativa.
Na reunión púxose en común "como queremos que sexa esa terceira edición e xa se tomaron decisións importantes", entre outras, o traslado da feira para o mes de maio.
Tamén se acordou que "PonteSan ten que prolongarse ao longo do tempo e xerar actividade no ámbito de prevención e da promoción da vida saudable ao longo de todo o ano".
Así, Tino Fernández anunciou que "imos facer unha programación moi potente e moi densa para que esa visibilización leve a cabo".
A finais de febreiro volverán reunir todos estes colectivos para empezar a pechar a programación previa á feira. Todos eles coincidiron en organizar menos charlas, conferencias e coloquios e máis actividades lúdicas.