O peche perimetral da pista polideportiva de Cerdedo xa é mais seguro
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de dar maior seguridade ao peche perimetral da pista polideportiva de Cerdedo no que se investiron uns 3.200 euros e que permite mellorar o estado desta infraestruturas que presta o seu servizo ao alumnado do colexio e tamén á veciñanza en xeral, unha vez rematado o horario escolar.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado achegáronse ata o recinto deportivo para inspeccionar o resultado dos traballos realizados e comprobar a eficacia das medidas de consolidación aportadas polos operarios para darlle maior estabilidade e seguridade ao peche perimetral da pista polideportiva.
Os traballos consistiron na reparación do valado metálico e a colocación de soportes reforzados para garantir a estabilidade do peche perimetral que presentaba problemas serios de seguridade. O Concello de Cerdedo-Cotobade tamén anovará as redes das porterías co fin de actualizar esta infraestrutura deportiva municipal.
Esta pista polideportiva que está a disposición da veciñanza fóra do horario lectivo do centro educativo, foi obxecto tamén recentemente dunha intervención municipal na que se investiron uns 75.000 euros en dotar de céspede artificial e realizar diversos investimentos para que estivera nas mellores condicións posibles de uso para a práctica deportiva.
O Concello de Cerdedo-Cotobade aproveita esta actuación para lembrar á veciñanza o dereito de goce destas instalación e tamén o deber de preservalas e coidalas para que poidan prolongar a vida útil dos distintos elementos que conforman este recinto deportivo.