10.000 euros para seguir coas melloras da vía que une O Toural co Picho
O Concello de Vilaboa destina un orzamento de 10.000 euros en melloras na vía que une O Toural co Picho coa finalidade de aumentar a visibilidade da zona. Para maior seguridade da circulación, dotarase dun pavimento compactado nun tramo de 525 metros, 12 balizas e revestimento con pedra rústica en varios segmentos de cunetas.
Ás renovacións súmanse badéns debidamente sinalizados, instalación de iluminación led e o repintado de todo o camiño, que dotará á estrada dun aspecto máis coidado e facilitará o seu uso por parte dos viandantes. Son as culminacións do proxecto iniciado o pasado verán para este vial cuxo orzamento xa supera os 80.000 euros.
Nun futuro, o Concello pretende construír un paso reservado para peóns, mais aínda non conta coas cesións oportunas. A intención do goberno local é converter a zona do Toural no núcleo de centralidade, xa que concentra todos os servizos administrativos, sanitarios e educativos e acollerá tamén o futuro tanatorio que impulsan os comuneiros.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, declarou que "vai ser o noso núcleo de referencia e iso ten que apreciarse tamén na estética, por iso esta actuación presta atención a diversos elementos humanizadores da contorna".