CCOO e CIG denuncian "graves incumprimentos" no servizo de terapias respiratorias domiciliarias e convocan folga
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos CCOO e CIG esixen a intervención do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ante os "graves incumprimentos" de Esteve Teijin, empresa adxudicataria do concurso de terapias respiratorias domiciliarias nas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, Vigo e Santiago-Barbanza.
A empresa presta servizo a pacientes de patoloxías respiratorias como a apnea do soño, EPOC, fibrose quística ou EPID, baixo a supervisión do equipo de pneumoloxía dos hospitais da zona, nun "millonario contrato de case corenta millóns de euros para realizar anualmente 25.000 tratamentos respiratorios a domicilio", segundo os sindicatos.
Comisións Obreiras e a CIG denuncian que "a empresa está a recortar as prestacións co obxectivo de sacar tallada económica a custa das condicións laborais e tamén de milleiros de doentes" e, por este motivo, convocan folga os vindeiros 14 e 21 de febreiro.
Entre os recortes no servizo, os sindicatos aluden a un número de traballadores inferior ao que marcan os pregos de contratación. Por contrato, debería haber 136 profesionais, pero a día de hoxe Esteve Teijin só conta con pouco máis da metade, 77.
Desde CCOO e CIG esixen "que o Sergas exerza as súas competencias e faga cumprir o contrato", inclusive as cláusulas sancionadoras, pois está prevista unha multa diaria á concesionaria por cada traballador a menos que asigne ao servizo. "Para que isto se cumpra, a administración tería que estar controlando con que persoal conta Esteve Teijin, pero non o fai", denunciou Pedro Comesaña, responsable de Política Industrial de CCOO-Industria.
Actualmente hai 53 traballadores para as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés (o contrato fixa 88), e 24 para Santiago-Barbanza (o contrato marca 48). "Para sortear as posibles sancións, houbo despedimentos por motivos supostamente disciplinarios, que neste caso non computan para os efectos dunha multa económica", aseguran estes sindicatos.
Ao tempo, engaden que non se cobren as baixas, vacacións ou permisos, sobrecargando de traballo o resto do persoal. "O número de doentes que nos asignan cada día é inasumible", lamentou Aarón Sestay, delegado de CCOO.
PREXUÍZO AOS DOENTES
Amais do conflito laboral, CCOO e CIG tamén explicaron os prexuízos que os recortes de Esteve Teijin causan aos milleiros de doentes que a empresa debe atender anualmente. O pasado novembro, de xeito unilateral, a empresa instou as traballadoras a contactaren cos doentes para informalos de que, a partir dese momento, o servizo que se prestaba a domicilio pasaba a facerse nun Centro Respiratorio Esteve Teijin Asistencial (CRETA).
Esta medida supón incumprir coa natureza do propio servizo -tratamento ambulatorio-, pero tamén "obriga a facer, nalgúns casos, ata 30 ou 50 quilómetros desde o domicilio ata o CRETA de referencia", explicou Carla Jiménez, delegada de CCOO.