Mil desempregados beneficiáronse na última década do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés
Por Redacción
A Illa de Arousa celebrou este xoves o décimo aniversario do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés, unha actuación á que a Administración autonómica destinou neste tempo 2,4 millóns de euros, o que permitiu mellorar as oportunidades laborais de preto de 1.000 persoas sen emprego.
Desde o ano 2011, impartíronse, a través deste programa integrado, 270 accións formativas (unha media de 30 cursos por ano) e celebráronse 3.500 sesións de orientación, ao tempo que os participantes desenvolveron prácticas non laborais en unhas 700 empresas da contorna.
Un total de 100 alumnos participan cada convocatoria nestes programas que, ademais de formación, ofrecen asesoramento e a oportunidade de facer prácticas en diversos sectores produtivos.
O programa integrado correspondente á Mancomunidade do Salnés para este ano deseñouse a través dun plan estratéxico de formación que desenvolveu o ente comarcal para facer máis competitivas as candidaturas dos 100 participantes, creando e especializando a novos profesionais demandados polos sectores con máis proxección de futuro e por aqueles con maior implantación no Salnés. O obxectivo é superar o número de persoas que acadaron un posto de traballo na edición anterior, un 70%.
Os participantes poderán beneficiarse de formación e prácticas a través de case 1.000 horas de cualificación das que 799 pertencen ao catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego. En concreto, poden acceder a cursos de marca persoal e redes sociais; xestión básica de almacén; xestión e control de compras e stock en almacén; organización de almacén; inglés empresarial; contabilidade financeira; piloto de drons; manipulador de alimentos; introdución á tecnoloxía de impresión 3D; soldadura; agricultura ecolóxica; condución de carretillas elevadoras; xestión de prevención de riscos laborais; creación de blogs e redes sociais; informática; big data; social media, márketing dixital e xestión de reputación en liña; emprendemento; caixeiro-repoñedor; dixitalización documental e fotogrametría; e elaboración de viños.
Relacionadas:
-
Impulsan unha nova edición do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés
Por Redacción |
-
A Xunta concede á Mancomunidade do Salnés 30 novas accións formativas para desempregados
Por Redacción |
-
Nova edición do Programa integrado de Emprego da Fundación para Discapacidade Juan XXIII
Por Redacción |
-
Novos programas de emprego da Xunta para a Mancomunidade do Salnés e os concellos do Ulla-Umia
Por Redacción |