Impulsan unha nova edición do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés
Por Redacción
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de impulsar unha nova edición, a undécima, do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés cun investimento de 250.000 euros e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dun cento de persoas desempregadas da bisbarra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este venres ao acto de presentación desta iniciativa laboral no auditorio de Meis, xunto á presidenta da entidade, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e outros alcaldes e representantes da comarca, e animou aos participantes a "aproveitar esta gran oportunidade de formación que, ademais, vén avalada pola calidade da ensinanza e os bos resultados que sempre acada a Mancomunidade nestes proxectos".
Neste senso, anunciou que o obxectivo de inserción repite no 45%, xa conseguido o pasado ano ao rexistrarse preto dun 90% de contratos que cumpriron cos parámetros requeridos durante os doce meses de duración, que tamén é a mesma para a iniciativa presentada na xornada de hoxe.
"Estamos ante o mellor PIE de toda Galicia tanto pola súa traxectoria como polo elevado nivel de formación, pero tamén porque se trata do proxecto máis valorado tecnicamente na concesión de axudas autonómicas e polo alto índice de recolocación que sempre se acada, xa que adoita superar o 80%", manifestou o representante autonómico, que lembrou que a Mancomunidade conseguíu 820 contratos dos participantes nesta década do PIE.
Este novo programa integrado de emprego, que conta coa participación e colaboración de medio cento de empresas da comarca para favorecer as condicións formativas, manterá a mesma dinámica e formato de anos anteriores e centrará a mellora da empregabilidade na realización de itinerarios curriculares, cursos de formación diversos, accións de potenciación das habilidades profesionais e outras medidas laborais.