Ponte Caldelas asfaltará varios viais municipais e o PP reclama máis
Por Oskar Viéitez
O Concello de Ponte Caldelas vén de iniciar unha serie de asfaltados de viais municipais que suporán a mellora de catro camiños de acceso a varias vivendas nos lugares de A Insua, Baltar, Chaín e A Sorreira.
A empresa adxudicataria das obras, Asfalgal Técnicas Viarias SL comezou xa os traballos no lugar de A Insua, onde se aplicou unha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor.
Os traballos tamén conlevan a recolocación de todas as tapas de rexistro, das reixas e a instalación de barandas en aqueles puntos que o precisen dado o desnivel do terreo. O custo da obra realizada no lugar de A Insua ascende a 6.241 euros.
O alcalde, Andrés Díaz, salientou "o traballo de dinamización que se está a facer no Concello" e dixo que "Ponte Caldelas é un concello vivo e dinámico onde as persoas queren vivir porque aínda sendo un concello rural dispoñen de todas as comodidades dunha cidade e están perfectamente comunicados con Vigo e Pontevedra".
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular afirma que foi "a presión dos veciños, medios de comunicación e os edís do PPdeG" a que logrou que comece o arranxo do camiño de Barbudo.
Os populares pediran un informe técnico ao departamento de Urbanismo do Concello "para que certificara o seu mal estado ante a pasividade e negativa do alcalde a realizar traballos de reparación e consolidación".
O PP anuncia que, no vindeiro pleno, trasladará ao goberno local as queixas sobre a "situación de abandono no que se atopan varios camiños da parroquia de Barbudo", especialmente, o que sirve de acceso e comunicación coas vivendas do barrio de Eidodorxe "que presenta buracos que poñen en perigo a circulación de vehículos e persoas".