A Deputación mobiliza 1,2 millóns de euros en recursos que beneficiarán oito municipios
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta este venres dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno na que se mobilizaron 1,2 millóns de euros en recursos do Plan Concellos 2022-2023 que beneficiarán oito municipios.
Concretamente, con fondos da liña 3 de emprego do Plan Concellos van contratar a 97 persoas en Silleda, Vilagarcía, Agolada, Fornelos, Vila de Cruces e Mos. Da liña 1 destinada a investimentos beneficiaranse Moaña e Caldas de Reis que obterán recursos para sufragar a súa achega aos proxectos do ReacPon nos seus respectivos municipios.
Ademais, Carmela Silva anunciou que a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas bolsas de mobilidade para o alumnado do programa Practicum Depo, "enmarcado na nosa aposta pola mellor formación posible ao alumnado da provincia con saídas ao estranxeiro".
A presidenta tamén informou que crearán un consorcio con 38 centros educativos de 23 concellos que imparten FP Básica ou Ciclos Formativos de Grao Medio e que, coordinados pola Deputación de Pontevedra, presentaranse á convocatoria de alto nivel de Erasmus + 2022 do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Axencia Nacional do programa Erasmus+ en España e organismo adscrito ao Ministerio de Universidades.
Carmela Silva lembrou que "no 2021 obtivemos a acreditación Erasmus en FP, un distintivo de calidade que avala o noso plan para realizar actividades de mobilidade e utilizalas para mellorar a oferta educativa que nos posiciona de maneira competitiva na captación de proxectos".
CANTEIRA DE IGUALDADE
Carmela Silva tamén presentou este venres "Canteira de Igualdade" unha actividade de formación, coordinada por Rosa Cobo e que se realizará na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, na que se pretenden formar axentes de cambio feministas. Neste curso desenvolveranse diversos módulos que abarcan os conceptos básicos de formación feminista, preparando para a formación entre iguais.
Esta actividade será impartida por especialistas nas materias que se van a tratar durante os meses de febreiro, marzo e abril.