40.000 euros para reformar e acondicionar os centros do Colexio Rural Agrupado de Caldas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis investiu máis de 40.000 euros na reforma e acondicionamento dos seus catro centros do Colexio Rural Agrupado de Caldas, nos que se imparte o segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos) para 40 alumnas e alumnos.
Con motivo destas reformas, o concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, visitou a escola infantil de Carracedo, no que xa iniciaron a renovación do mobiliario e onde se desenvolverán proximamente traballos de substitución do pavimento das aulas.
No caso da escola de Godos renovaron o tellado e pintaron a fachada. Os traballos de renovación do pavimento, segundo informaron desde o Concello, xa están contratados. En Saiar pintaron as aulas e renovaron o pavimento e, na escola de Reirís, realizaron os traballos de mantemento.
Jacobo Pérez destacou o esforzo do Concello por renovar e manter as instalación das catro escolas "das que estamos enormemente orgullosos pola súa contribución á educación dos máis pequenos axudando decisivamente á conciliación laboral e familiar".
Tamén destacou o esforzo dos docentes e anunciou próximas reunións coas familias para valorar as melloras necesarias no conxunto do Colexio Rural Agrupado.