Comeza a demolición das antigas escolas de Cope para crear unha zona verde recreativa
Por Redacción
Na mañá deste mércores, o Concello de Caldas de Reis iniciaba os traballos de demolición do edificio que albergaba as antigas escolas de Cope, situadas na parroquia de Carracedo.
En primeiro lugar, procedeuse a tirar abaixo por medios mecánicos os restos das estruturas do inmoble. Posteriormente realizarase o acondicionamento da parcela e da contorna para crear unha nova zona verde recreativa e social ao aire libre que poderá ter diferentes usos públicos e veciñais.
O Goberno local destaca que con esta actuación se dá resposta a unha vella demanda veciñal, posto que as edificacións levaban máis de 40 anos abandonadas e o espazo ocupado permanecía infrautilizado.
Manifestan fontes municipais que a oferta educativa actual está cuberta na zona co Colexio Rural Agrupado, que conta cun centro moderno e ben equipado en Carracedo.
Para poder levar a cabo esta intervención e darlle ao espazo uso público precisouse aprobar no Pleno un expediente de cambio de uso do equipamento no PXOM, pasando de equipamento educativo a espazo libre público. A modificación contou coa unanimidade dos diferentes grupos políticos que conforman a Corporación Municipal na sesión plenaria de outubro do ano pasado.