Socorren un home que levaba dous días malferido na súa casa despois de caer polas escaleiras
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio socorreu este venres un home de 66 anos que levaba dous días mal ferido despois de caer polas escaleiras interiores da súa vivenda, na zona da Barca.
Este veciño de Poio, que reside só no seu domicilio, permaneceu tirado no chan ao non poder moverse.
Os axentes municipais foron alertados por varios veciños e familiares. O home atopábase na entrada principal da vivenda e foi trasladado ao Hospital Montecelo, deshidratado con diferentes traumatismos e sen apenas falar.
Máis aló da vixilancia na vía pública ou controis de tráfico, a Policía Local de Poio desenvolve a diario un labor tremendamente importante: os servizos humanitarios. Concretamente, no ano 2021, os efectivos policiais levaron a cabo máis de 50 auxilios a persoas desorientadas, extraviadas, sen fogar ou en risco de exclusión social, de avanzada idade ou con problemas de saúde.
As asistencias máis frecuentes entre os axentes municipais son as actuacións con persoas enfermas de saúde mental, normalmente de persoas de avanza idade que residen soas ou cuxos conviventes non son capaces de auxiliar.
Son requirimentos que entrañan certa preocupación e aos que se lles dá unha resposta inmediata, ao tratarse de labores asistenciais a persoas vulnerables ou desprotexidas que viven soas ou con acompañantes que non poden cubrir as súas necesidades de mobilidade ou auxilio.
Cando a situación pode levar a un posible desamparo, a Policía informa a outros departamentos, como o de Servizos Sociais, para que inicien os trámites e así incluír aos interesados nos distintos programas e actividades destinados a mellorar a calidade de vida, promover contextos que faciliten a inserción social e atender situacións puntuais de emerxencia social.
Nestes episodios adoita ser habitual que sexan os veciños os que solicitan a presenza policial ao escoitar a algún dos seus veciños de idade avanzada, gritando ou pedindo auxilio.
Os policías acceden ao domicilio do requirente (ás veces con axuda dos bombeiros) e comproban o estado da persoa, tomando as primeiras medidas de protección e auxilio, solicitando a asistencia médica se fose necesario. Tamén se tenta localizar a algún familiar para transmitirlle o sucedido e finalmente, se fose preciso, trasládase o informe ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio para o seu seguimento.