Un grupo de bateeiros increpa á conselleira do Mar na súa protesta polo conflito da mexilla
Por Oskar Viéitez
Un grupo de bateeiros increpou este venres ás conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Infraestruturas e de Mobilidade, Ethel Vázquez á saída dun acto que se celebraba nas instalacións do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).
Insultos, apupos e berros de dimisión foron proferidos por estes bateeiros que esperaban á saída do acto no que as conselleiras presentaron as actuacións de saneamento que a Xunta proxecta para Vilagarcía.
Esta protesta dos mexilloeiros está enmarcada no conflito que mantén este colectivo cos percebeiros pola extracción da mexilla. Estes acusan aos bateeiros de esquilmar os bancos de percebe cando extraen a cría do mexillón. A Consellería do Mar regulou hai unhas semanas as zonas onde é compatible a recolección de mexilla e a actividade dos percebeiros para compatibilizar a actividade de ambos os sectores, pero os bateeiros rexeitan estas novas normas que restrinxen das zonas de captura.
Os manifestantes bloquearon a chegada dos coches oficiais que tiñan previsto recoller ás conselleiras na entrada do edificio e acurralaron ás conselleiras que, conducidas por axentes da Policía, regresaron ao interior da sede do Intecmar, onde agardaron durante aproximadamente media hora ata que se garantiu a súa saída en condicións de seguridade.
O portavoz do PP, Pedro Puy considera “lamentable e contraproducente esta encerrona” e avogou “por unha saída negociada e consensuada ao conflito que existe entre os extractores de mexilla e os percebeiros”.
INVESTIMENTOS
Ao respecto da presentación as conselleiras anunciaron que a Xunta licita por case 10 millónes de euros as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de iniciar os traballos a finais de verán e rematar con inundacións e vertidos.
Vázquez Mourelle explicou que para solucionar os problemas na rede se renovarán os colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e se executarán dous tanques de tormentas e un treito de colector na avenida de Cambados e detallou que os tanques se instalarán na zona da Praza e en Fexdega e os colectores se renovarán na rúa García Caamaño e na marxe dereita do río Con.
Ademáis sinalou que a Xunta tamén avanza na tramitación da ampliación da depuradora municipal, que suporá un investimento de 23,1 millóns de euros.
A conselleira do Mar subliñou que os avances no saneamento contribúen á mellora do estado dos bancos marisqueiros e da súa produtividade, o que facilita o traballo dos profesionais do marisqueo e dos produtores de mexillón.
Por último, Ethel Vázquez avanzou a elevación neste trimestre ao Consello da Xunta da aprobación do proxecto da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar o saneamento de Vilagarcía de forma profesional sen aumentar as tarifas.