Pepa Pardo, do Partido Popular, acusa a Carmela Silva de "traspasar todos os límites"
Por Redacción
Pepa Pardo, deputada do grupo provincial do Partido Popular, declaraba este sábado que Carmela Silva, presidenta da Deputación, "volveu perder outra oportunidade de dar explicacións públicas ante a trama corrupta máis grave dos últimos anos en Galicia" referíndose ao caso da cuñada da presidenta provincial e o alto funcionario do Concello de Vigo, militante socialista.
A representante popular sinala que Carmela Silva nas súas declaracións tenta "desviar a atención acusando ao PP" e afirma que "volveu mostrar os seus dotes de escapismo para falar de todo menos da súa cuñada e da súa vinculación coa trama".
Asegura que as palabras da máxima mandataria na provincia son unha "cortina de fume" para evitar falar da "trama de corrupción orquestrada na sede do Concello de Vigo, e ideada para enchufar á súa cuñada". Pepa Pardo engade que "Carmela Silva volveu traspasar todos os límites, achegándose á indecencia política, ética e moral coas súas acusacións falsas".
A deputada fala de "esperpento político" por esas "declaracións indignas" e asegura que o Partido Popular seguirá reclamando e pedindo explicacións sobre este caso amparándose na sentenza do Tribunal Supremo. Conclúe reclamando a Carmela Silva que conteste a moitas cuestións que debe aclarar sobre este caso.
Relacionadas:
-
O PP considera unha "vitoria política" que o xulgado obrigue á Deputación a convocar un pleno para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva critica a actitude do PP coas alcaldesas de Cambados e Porriño ás que "maltrataron cunha crueldade que eu nunca vira"
Por Oskar Viéitez |