Carmela Silva critica a actitude do PP coas alcaldesas de Cambados e Porriño ás que "maltrataron cunha crueldade que eu nunca vira"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, indicou que non ten nada que dicir sobre a solicitude de dimisión de todos os seus cargos que lle esixe o Partido Popular ao que critica porque "non hai dereito a que estean a converter a política nun basureiro".
No transcurso dunha comparecencia na Deputación, Carmela Silva respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre esa petición de dimisión feita polo PP polo denominado ‘caso cuñada’ e a presidenta asegurou que tería preferido "non darlle espazo á indecencia do Partido Popular" porque, ao seu xuízo, "o PP está a converter o espazo político nun lugar no que non se pode vivir", algo, "intolerable".
A mandataria socialista lembrou que Fátima Abal "tivo que dimitir" como alcaldesa de Cambados "pola persecución, calumnias, mentiras, ameazas e actuacións intolerables de todo tipo que sufriu por parte do Partido Popular" e que a recentemente falecida ex alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, tamén "sufriu o indecible" con idénticos ataques que no caso da ex rexedora cambadesa.
"Iso é o que está a facer o Partido Popular. Faino de forma reiterada. Faino o presidente Feijóo, faino o vicepresidente Rueda, faino o secretario xeral do PP e aquí na provincia de Pontevedra fano os dirixentes do Partido Popular e os deputados e deputadas na oposición nesta administración", acusou Carmela Silva.
A presidenta da Deputación dixo que se trata de "un modelo que non ten cualificativos, que converte á política nun campo de batalla no que se busca destruír ao adversario" e para iso, engadiu "se hai que usar calumnias úsanse, se hai que mentir méntese, se hai que descualificar descualifícase" ese é, dixo Carmela Silva, "o modelo do Partido Popular no Estado liderado por Casado e é o modelo do PP en Galicia liderado polo señor Feijóo".
Nunha mensaxe directa dirixida ao presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao presidente do PP na provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda e ao portavoz popular na Deputación Jorge Cubela, Carmela Silva dixo que "se cren que van lograr que a presidenta da Deputación de Pontevedra acabe esgotada das calumnias que recibe, dos insultos, das mentiras, e que vaia polo mesmo camiño que a alcaldesa de Cambados e a alcaldesa de Porriño equivócanse totalmente".
"Se cren que me asustan están claramente equivocados", engadiu. "Están a converter en irrespirable o ambiente político, xa está ben. Ata aquí chegamos. Non lles teño medo. Nunca llo tiven. Nunca lle tiven medo á dereita".
"Que perdan a esperanza de que á min me vaia a pasar como á alcaldesa de Cambados ou a de Porriño, porque as maltrataron cunha crueldade que eu nunca vira", afirmou.
Carmela Silva asegurou que eses comportamentos "refórzanme" e incidiu en que "eu estou en política para cambiar a vida da xente, para mellorala" e asegurou que "durante 40 anos" a Deputación de Pontevedra "foi unha administración caciquil, clientelar e que non transformou nada e que, en só sete anos, non hai quen recoñeza á provincia de Pontevedra", indicou en referencia á vez que levan gobernando PSOE e BNG nesta institución.
Por último, Carmela Silva avogou porque a política sexa "un espazo construtivo no que confrontar ideas, proxectos e modelos" así que, concluíu "que fagan o que queiran porque todo o mundo sabe que esta presidenta é intachable".
Relacionadas:
-
Pepa Pardo, do Partido Popular, acusa a Carmela Silva de "traspasar todos os límites"
Por Redacción |
-
Carmela Silva sobre a petición de dimisión do PP: "O lixo déixollo para o señor Rueda e para o señor Feijóo que é onde lles gusta estar"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE ve "impúdica, infame e noxenta" a campaña do PP contra Carmela Silva
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pedirá un pleno extraordinario na Deputación para esixir a dimisión a Carmela Silva
Por Redacción |