Carmela Silva sobre a petición de dimisión do PP: "O lixo déixollo para o señor Rueda e para o señor Feijóo que é onde lles gusta estar"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, evitou responder á petición de dimisión de todos os seus cargos que esixe o PP, "eu non me vou a embarrar no lixo na que vive o Partido Popular", dixo. "O lixo déixollo para o señor Rueda e para o señor Feijóo que é onde lles gusta estar, embarrándose aí, e ademais son os que están a dar as instrucións a esta xente", engadiu.
Preguntada polos xornalistas no transcurso dunha comparecencia este venres na Deputación de Pontevedra, a presidenta remitiuse ás declaracións do deputado portavoz do grupo socialista na institución provincial, Carlos López Font nas que cualificaba a actuación dos populares de "asquerosa campaña de persecución" contra a presidenta da Deputación porque non foi investigada na causa que agora acaba de confirmar o Tribunal Supremo condenando a máis de 5 anos de cárcere a un funcionario vigués que promoveu a contratación da cuñada de Silva nunha concesionaria municipal.
"Font fixo declaracións e eu asumo esas declaracións como a verdade absoluta" ha apuntado Carmela Silva sobre a petición dun pleno extraordinario presentada este venres polo PP no rexistro da Deputación para pedir á presidenta explicacións e esixir a súa dimisión por este asunto.
Carmela Silva lembrou que no ano 2019 o PP xa solicitou un pleno extraordinario e "xa se rexeitou por parte do secretario cun informe moi potente dicindo que soamente se tratan nos plenos as cuestións que teñen que ver coa actividade política e administrativa".
A mandataria socialista ha lembrado que "son os corpos técnicos da Deputación quen elabora os documentos sempre tendo en conta que se cumpra a legalidade" e por tanto "eu non se o que vai escribir o secretario pero xa o escribiu no ano 2019".
"Eu non vou ter nada que ver no informe que faga o secretario", subliñou Carmela Silva, "o secretario é un habilitado nacional que non mo consentiría" aclarou antes de engadir que "a min non se me ocorrería meter a man onde non debo".
A presidenta da Deputación de Pontevedra lamentou que ao PP "gústanlle os circos, pero eu non entro niso".
Por último, Carmela Silva incidiu en que "esta presidenta dedícase a gobernar, con transparencia, con respecto ás normas e á lei, con moito orgullo do traballo que realiza o meu goberno", e engadiu tamén "con moito orgullo do traballo que eu realizo que, con humildade dígoo, é un extraordinario traballo. Seguramente iso moléstalle a algunha xente".
Relacionadas:
-
O xulgado obriga á Deputación a convocar un pleno extraordinario para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Redacción |
-
Carmela Silva critica a actitude do PP coas alcaldesas de Cambados e Porriño ás que "maltrataron cunha crueldade que eu nunca vira"
Por Oskar Viéitez |
-
Desestimada a petición do PP para convocar un pleno extraordinario na Deputación para falar do "caso cuñada"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE ve "impúdica, infame e noxenta" a campaña do PP contra Carmela Silva
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pedirá un pleno extraordinario na Deputación para esixir a dimisión a Carmela Silva
Por Redacción |
-
O PP pide a dimisión de Carmela Silva de todos os seus cargos "por responsabilidade política, por ética e por dignidade"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |