Desestimada a petición do PP para convocar un pleno extraordinario na Deputación para falar do "caso cuñada"
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra decidiu desestimar a petición do grupo provincial do PP da convocatoria dun pleno extraordinario para pedir a renuncia da presidenta da institución polo "caso cuñada".
A decisión, notificada este xoves, ven propiciada polo informe da Secretaría Xeral que conclúe con que "existe base xurisprudencial para a denegación motivada de calquera solicitude de pleno extraordinario cando os asuntos non versen sobre materias de competencia do pleno… Non se conculca o dereito fundamental cando a solicitude para a convocatoria non atende a materia de competencia...".
No informe, o secretario recorda que "o dereito a solicitar a celebración de pleno extraordinario non pode ser interpretado como de concesión automática e regrada…", e lembra sentencias do Tribunal Supremo, ou de altos tribunais autonómicos como Andalucía ou Castilla-La Mancha, que recoñecen o dereito a denegar a convocatoria cando o pleno sexa órgano manifestamente incompetente para aprobar os asuntos a debate.
No informe, lémbrase tamén que o 22 de febreiro de 2019 xa foi inadmitida unha moción do grupo popular como consecuencia da sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra. "A citada sentenza do Tribunal Supremo núm. 908/2021, confirma, agás en aspectos puntuais que non alteran os feitos, a sentenza ditada no seu día pola Audiencia Provincial. Por iso, ó non establecerse novos feitos, non habería argumentos ou razóns novas que poidan producir un cambio de criterio en canto ó no seu día expresado no noso anterior informe".
O secretario tamén recorda que "na sentenza non se fai mención á conducta algunha da Presidenta, nin reproche á mesma, non tendo sido parte no procedemento nin imputada no mesmo, polo que non ten tampouco fácil encaixe na competencia plenaria de control e fiscalización dos órganos de goberno provinciais. Debemos ter presente, sigue dicindo, que o dereito que debemos aplicar sempre ha de referirse ó ámbito do ser, é dicir da realidade dos feitos probados e non ao ámbito do deber ser, de posibles xuízos de valor…"
Do mesmo xeito, o informe fai fincapé en que "non hai que esquecer que a Constitución garante entre outros o dereito ó honor sendo este o mais vinculado á dignidade da persoa de todos os que lle son inherentes. Por iso calquera petición de convocatoria de pleno extraordinario que poida estar implicado o dereito ó honor deberá estar claramente razoada e fundada pois de no ser así, iso podería dar lugar a unha infracción do respecto a dito dereito…".
O secretario xeral conclúe con que aínda que "é certo que as persoas que exercen funcións públicas ou resulten implicadas en asuntos de relevancia pública deben soportar un certo maior risco de inxerencia nos seus dereitos da personalidade que as persoas privadas, iso non significa que queden privadas de ser titulares do dereito ó honor, pois tamén neste ámbito é preciso respectar a reputación allea".
Por todas estas razóns, o deputado de Réxime Interior Carlos Font asinou este xoves a resolución desestimando a solicitude do Grupo Provincial do Partido Popular.
Relacionadas:
-
Carmela Silva sobre a petición de dimisión do PP: "O lixo déixollo para o señor Rueda e para o señor Feijóo que é onde lles gusta estar"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE ve "impúdica, infame e noxenta" a campaña do PP contra Carmela Silva
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pedirá un pleno extraordinario na Deputación para esixir a dimisión a Carmela Silva
Por Redacción |